FacebookSíguenos en YouTube

UN NOVO REFERENTE FEMININO PARA O ALUMNADO DO IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA

O IES Maximino Romero de Lema pecha o programa de actividades arredor do 8 de marzo, Día Internacional da Muller,  coa exposición itinerante  Elvira López Mourin. Unha enfermeira de altura que acollemos no noso centro durante esta semana e que desvela a historia da enfermeira de Lugo que foi pioneira no desenvolvemento da enfermería española e na defensa dos dereitos das mulleres. A mostra veu acompañada dunha charla que se desenvolveu hoxe ante o alumnado de 1º Bacharelato e de 3º ESO.

 

Comezou o acto coa intervención de Isidoro Rodríguez Pérez, presidente da Academia de Enfermería de Galicia, que se centrou na traxectoria vital e profesional de Elvira López Mourín, unha das cinco mulleres que formaron parte da primeira promoción de enfermeiras profesionais da Cruz Vermella Española, e que non lle resultou nada fácil pois proviña dunha familia moi humilde.  En 1921 ingresou como enfermeira militar no Hospital de Melilla en plena guerra de Marrocos, e foi a primeira en participar, voluntariamente, nun voo sanitario da Aviación Española tendo que cruzar territorio inimigo de noite e nun  rasante no conflito bélico do RIF en 1922. Lembremos que nese momento as mulleres tiñan prohibido participar nun voo militar, pero a súa firmeza fixo que puidese participar; iso si, despois de deixar por escrito que asumía toda a responsabilidade. Conségueo e durante toda a noite atende a centenares de feridos.

 

A fazaña de auxilio de Elvira López convértea nunha heroína que foi recoñecida no seu momento nos medios de comunicación e incluso foi recibida polos propios reis Alfonso XII e  Victoria Eugenia. Pero a partir da guerra civil o seu acto heroico quedou no esquecemento como lle sucedeu a moitas outras mulleres. Un exemplo máis da discriminación das mulleres.  

 

Na segunda parte da charla Lourdes Bermello López, presidenta do Colexio Oficial de Enfermería de Lugo, destacou o labor desta enfermeira como un exemplo de loita polos dereitos das mulleres.  Partindo do estigma de ser filla de nai solteira e malia todos os atrancos da época demostrou que era posible a emancipación da muller. Elvira foi unha muller moderna, representou un modelo da muller alternativo ao que predominaba na sociedade da súa época, circunscrito ao fogar, ao coidado da familia.

 

Agradecémoslles aos dous investigadores que se achegaran ao noso Centro para descubrinos este referente feminino descoñecido para a gran maioría de nós; tamén lles damos as grazas polo agasallo de varios exemplares do libro no que se homenaxea a Elvira Mourín. E como non,  ao Colexio de Enfermería de Lugo pola súa boa disposición para que puidesemos acoller a exposición.