FacebookSíguenos en YouTube

MULLERES E ASTRONOMÍA

No IES Maximino Romero de Lema seguimos desenvolvendo o amplo programa organizado para conmemorar o 25N. Do 2 ao 12 de novembro acollemos a exposición, recentemente estreada no Pazo de Fonseca en Santiago, AstrónomAs, centrada nas mulleres que dedicaron a súa vida ao estudo da Astronomía e que poderá visitar quen o desexe durante o horario lectivo.

Consta de dezaseis paneis explicativos que teñen por obxectivo fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas en xeral e, en especial, entre as nenas e adolescentes. Asemade, ao divulgar as investigacións realizadas por mulleres científicas na Astronomía e Astrofísica, contribúe a rachar coa Violencia da Invisibilidade que se exerceu na muller ao longo dos séculos.

A mostra é herdeira da exposición Con A de astrónomas e dispón dun espazo web con información de 270 astrónomas e as súas áreas de investigación. Ademais da información de cada unha das astrónomas, AstrónomAs acompáñase con diversos materiais que inclúen unha contextualización da astronomía con outras ciencias, a súa relación co cine, a literatura ou a arte, cadernos pedagóxicos que se poden descargar, xogos interactivos, podcast e vídeos. Todo isto arroupado por unha banda sonora orixinal composta por Paula Espinosa.

Como complemento da exposición a comisaria da mostra, a profesora Josefina F. Ling visitará o noso centro o venres 12 para impartir a charla Astronomía e mulleres ao alumnado de 4º ESO.

Tamén dende o Club de Ciencia desenvolveranse numerosas actividades relacionadas coa mostra como a aprendizaxe do uso do telescopio ou dun planisferio, a realización dunha observación solar no patio, coñecer o rango espectral e a difracción da luz ou a charla Astronomía en España impartida polo profesor Vitor Tilve. 

AdxuntoTamaño
EXP.1.jpg270.42 KB
EXP.2.jpg250.59 KB
EXPOSICIÓ.3.jpg235.7 KB
EXPOSICIÓN.4.jpg3.86 MB