blogue deanabelenfernandezporral
FP das familias de administración e agraria
Enviado por anabelenfernand... o Mér, 15/05/2024 - 15:59Esta semana visitáronos tres docentes do IES de Arzúa para presentar ao alumnado de 3º da ESO os ciclos formativos que se poden estudar no seu instituto, onde se imparten ciclos básicos, medios e superiores das familias de administración e tamén de agraria.
O alumnado puido coñecer que se estuda e que se aprende a facer nos ciclos que imparten, tendo máis información para o seu proceso de toma de decisións.
Ex-alumnado orienta!
Enviado por anabelenfernand... o Dom, 12/05/2024 - 04:03Seguimos a reo coa orientación académica! Desta volta recibimos a visita de Uxía e Thais, ex-alumnas do noso centro que actualmente están a estudar o Bacharelato de Artes Plásticas.
Ao ser esta unha especialidade que non se imparte no noso instituto, pero na que teñen interese algúns alumnos/as de 4º ESO, as compañeiras explicaron neste curso as cuestións máis destacadas destes estudos: que materias poden cursar, en que consisten as materias específicas destas ensinanzas ou que se aprende a facer en cada unha delas, así como as saidas académicas e profesionais relacionadas coas artes plásticas.
As ex-alumnas amosaron os seus traballos ao alumnado, dando mostra da súa creatividade. Trátase dunha modalidade de bacharelato moi amena para aquelas persoas que lles guste o debuxo ou as artes plásticas, e queiran dedicarse a algunha profesión vencellada con isto, se ben, como en todos os estudos, é fundamental a constancia e traballo diario, para facer fronte ás múltiples entregas e tarefas.
Educación emocional: proxecto EU
Enviado por anabelenfernand... o Dom, 05/05/2024 - 06:26No marco dos contrato-programa Emocióna-T, centrámonos no descubrimento persoal nos cursos de 3º e 4º ESO, levando a cabo o proxecto EU. Trátase dun proxecto de autodescubrimento a través de dinámicas de autocoñecemento e mediante a reflexión e identificación das cualidades propias.
No programa, traballamos sobre as habilidades sociais e de comunicación, adquirindo estratexias para o autocoñecemento e valoración positiva das diferenzas entre as persoas, potenciando a autoestima, empatía e asertividade, á vez que promovemos o bo trato.
Coa axuda da entidade Anacos Educativos, aprendemos a de-construirnos de xeito respectuoso, favorecendo a identificación e expresión emocional. Aquí podedes ver un resumo das sesións.
Educación emocional: ME-DITO
Enviado por anabelenfernand... o Dom, 05/05/2024 - 05:19Este curso traballamos a educación emocional a través do programa Descubíndonos, impartido por Anacos Educativos, no marco dos contrato-programa Emocióna-T.
En 1º da ESO puxemos en marcha o proxecto ME-DITO, un proxecto que pretende a de-construción da persoa dun xeito respectuoso consigo mesma e cos demais, favorecendo o coñecemento das emocións e a súa expresión, mellorando a comunicación e achegando ao alumnado á meditación, atención plena e respiración consciente.
En definitiva, adquirimos habilidades sociais e emocionais co fin de coñecernos e mellorar o benestar con nós mesmos/as e cos demais. Nesta ligazón podedes ver un resumo gráfico do que estivemos a traballar.
Plan proxecta. Quérote Máis: "Sexualidade e pornografía"
Enviado por anabelenfernand... o Dom, 05/05/2024 - 04:21O noso centro leva tempo comprometido coa educación afectivo-sexual, coñecedores da importancia da mesma non só no que ten que ver coa prevención de ETS e embarazos non desexados, senón tamén no que á cuestión emocional e relacional entre as persoas se refire, como aspecto básico en canto á promoción das relacións baseadas na igualdade, respecto e tolerancia.
Sen embargo, no momento actual hai unha gran preocupación social polo auxe de condutas violentas nas relacións afectivas, incluso a idades moi temperás, que moito teñen que ver co (mal) uso de internet e o fácil acceso á pornografía, o que promove unha visión distorsionada da realidade e das relacións afectivas nos menores de idade.
Con un panorama ao respecto preocupante e a alarma social activada, o alumnado da materia de Psicoloxía de 2º de Bacharelato, da man da súa profesora Zeltia Laya, decidiron intervir. Levaron a cabo unha investigación sobre a cuestión, indagando sobre a pornografía e a súa influencia no desenvolvemento afectivo-sexual dos menores e adolescentes. Presentaron as súas conclusións en todos os cursos do instituto, concienciando a alumnado e profesorado dunha problemática sobre a que é preciso reflexionar e dende logo tomar medidas. Promover un uso adecuado de internet, redes sociais e videoxogos, supervisar e regular o acceso a determinados contidos son premisas urxentes para restablecer o compoñente emocional adecuado nas relacións afectivas, nas que non debe caber espazo para a violencia nin abusos de ningún tipo.
A actividade enmárcase dentro do programa Quérote Máis, podendo ver máis fotos das sesións nesta ligazón.
Voluntariado - Cruz Roja
Enviado por anabelenfernand... o Dom, 05/05/2024 - 04:05Dende a sede de Cruz Roja en Lalín, visitáronnos dúas voluntarias que deron a coñecer o traballo de voluntariado ao alumando do ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia.
Foi unha sesión moi interesante na que puidemos coñecer os ámbitos aos que se dirixen estas accións solidarias (maiores, infancia, inmigración, medio ambiente...) e o que se fai en cada un deles.
Ser persoa voluntaria en Cruz Vermella é moi sinxelo: podes cubrir unha solicitude online, chamar por teléfono ou achegarte ata unha oficina física, onde te informarán ao respecto. O máis importante é ter ganas!
Relaxación
Enviado por anabelenfernand... o Dom, 05/05/2024 - 03:43Xa o di a cita latina "Mens sana in corpore sano".
Sabedores de que tan importante é coidar do corpo como a mente, este curso dedicamos un espazo á relaxación nas clases de Educación Física en 1º de Bacharelato, co obxectivo non só de pasar un agradable momento, senón tamén de adquirir coñecementos e habilidades para poñer en práctica no noso día a día con impacto positivo na nosa saúde física e mental.
Agardamos estas clases foran moi produtivas, especialmente nunha etapa educativa tan esixente! De seguro o alumnado lle quitará partido!
Marcapáxinas solidario
Enviado por anabelenfernand... o Mar, 23/04/2024 - 17:11Este curso participamos na 16ª Edición do Día do Libro Solidario, que organiza a entidade Save the Children.
Alumnado voluntario do centro está a deseñar marcapáxinas solidarios. As doazóns recadadas serán ingresadas a favor de Save the Children, que as destinará á loita contra a desnutrición infantil.
Atopámonos na fase artística, esperando poder pasar pronto á seguinte fase e aportar o noso gran de area!
Protección da natureza
Enviado por anabelenfernand... o Mar, 23/04/2024 - 16:53Recibimos de novo a visita da Garda Civil, que desta volta deu a coñecer ao alumnado de 3º ESO, 4º ESO e 1º FPB a labor que realiza o Seprona (Servizo de Protección da Natureza), concienciando da importancia de ser respetuosos co medio ambiente e empregar os recursos naturais de forma responsable.
Ex-alumnado orienta!
Enviado por anabelenfernand... o Dom, 21/04/2024 - 07:05Nesta semana, o alumnado de Bacharelato recibíu a visita de Nuria, unha antiga alumna do centro que actualmente estuda na Universidade.
Nuria segue moi vinculada a Vila de Cruces e tamén ao noso instituto, participando de vez en cando en distintos proxectos. Nesta ocasión, visitounos para transmitir ao alumnado de 1º e 2º de BAC a súa experiencia dende que rematou os estudos secundarios.
A antiga alumna, que actualmente realiza o 3º curso de grao, recorda como a pandemia a sorprendeu a ela e ao seu grupo de clase cando cursaban 1º de Bacharelato, co que todo eso implicou nese ano e ao seguinte, á vista da tan "temida ABAU". Foron momentos duros e de incertidumbre pero superados con éxito.
Nuria transmitiu ao alumnado a importancia de ser constantes e afrontar as adversidades de forma positiva e resiliente, facendo consciente á rapazada de que pronto pecharán unha etapa das súas vidas pero comezará outra chea de oportunidades e novas experiencias, que lles axudarán a medrar como persoas.
Case podemos dicir que fluir, pero con sentidiño, sería o recomendable!
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- …
- seguinte ›
- última »