Skip to Content

Índice, Conferencias, Cursos en liña, Documentación, Eventos, Notas de prensa, Prácticas

Prácticas: ensaios de propiedades mecánicas da madeira

Os alumnos de primeiro curso de STEMbach, guiados polos profesores Xoán Carlos Rodríguez e Demetrio Hermida, realizaron tres ensaios físicos da madeira no laboratorio de ensaios do noso IES.

Este 23 de novembro realizaron ensaios estáticos de dureza Brinell e de resistencia á flexión estática, e dinámicos de resistencia ao impacto co péndulo de Charpy. Posteriormente, realizaron cálculos a partir dos datos experimentais dos seus ensaios, segundo as distintas normas destas propiedades mecánicas.

Finalmente, visualizaron nun microscopio metalográfico unha moeda e un aceiro.

Álbum: Sen categoría -> ensaios madeira 20

Aplicacións da regresión ao tratamento de datos experimentais

O profesor do departamento de matemáticas do noso IES, José Luis Iglesias, impartiu un seminario de estatística aplicada para tratamento de datos experimentais ao alumnado de primeiro curso de STEMbach, seminario que xa impartiu coa súa compañeira de departamento, María Macía, nas dúas anteriores promocións deste bacharelato.

Este 16 de novembro viron os fundamentos matemáticos da regresión lineal, polinomial e exponencial empregando o método de mínimos cadrados. Recordaron os exemplos de axustes lineais e polinomiais xa vistos para os datos obtidos por eles mesmos de axustes lineais e non lineais a semana pasada. Para o axuste exponencial empregaron datos de presión e temperatura de ebulición e fixeron a regresión tanto coa ecuación linealizada como coa exponencial.

Álbum: Sen categoría -> matemáticas 20

Prácticas de laboratorio: axustes lineais e non lineais

Xoán Carlos Rodríguez e Belén Reija explicaron o procedemento para obter a resistencia á compresión dunha probeta de formigón cun esclerómetro ou martelo de Schmidt a partir da medición do índice de rebote.

Este 9 de novembro, os alumnos de primeiro curso de STEMbach obtiveron experimentalmente o índice esclerométrico. Posteriormente, mediante un axuste non lineal (polinómico), calcularon a resistencia á compresión do formigón en MPa. Finalmente, estimaron a media dos seus valores de resistencia á compresión da probeta.

Realizaron tamén axustes lineais empregando as rectas de calibración de datos experimentais de refractometría e polarimetría, obtidos por eles o pasado 2 de novembro. A  partir destes axustes lineais, determinaron a concentración de azucre dos mostos de concentración descoñecida.

Álbum: Sen categoría -> practicas esclerometro 20

Prácticas de laboratorio: determinación de concentración de sacarosa en mostos mediante refractometría e polarimetría

Xoán Carlos Rodríguez e Belén Reija dirixiron estas prácticas empregando as disolucións de sacarosa preparadas o 26 de outubro polos mesmos alumnos de primeiro curso de STEMbach (que foron gardadas por conxelación e previamente desconxeladas).

Este 2 de novembro mediron o índice de refracción (con refractómetro de Abbe e de man) e o ángulo de rotación óptica das mostras patrón de diferente concentración coñecida de azucre, para obter as rectas patrón correspondentes. Tamén mediron, empregando estas dúas técnicas, dous mostos de concentración descoñecida de sacarosa, dos que determinarán posteriormente a súa concentración de azucre por medio dos axustes lineais dos seus datos.

Álbum: Sen categoría -> practicas polarimetria 20

Prácticas de laboratorio: preparación de disolucións

Os profesores dos ciclos da familia profesional de química do noso IES, Xoán Carlos Rodríguez e Belén Reija, guiaron ao alumnado de primeiro curso de STEMbach este 26 de outubro na preparación de disolucións a partir dun sólido. Esta práctica xa a realizaron as dúas promocións anteriores deste bacharelato do Lucus.

En primeiro lugar, o alumnado montou cadanseu protector facial, empregado para desprazarse polo laboratorio. Despois dun repaso das unidades de concentración, fixeron os cálculos precisos e prepararon disolucións de diferente concentración de sacarosa. Para rematar, estas gardadáronse no conxelador para facer determinacións analíticas cuantitativas mediante polarimetría e refractometría posteriormente.

Álbum: Sen categoría -> practicas disolucions 20

Acto de presentación do STEMbach 2020/22

O vinte de outubro tivo lugar no IES Lucus Augusti a presentación, por terceiro curso, do bacharelato de excelencia, á que asistiron os alumnos de primeiro e segundo de BAC. Ademais dos profesores desta institución implicados, acudiu Carlos Herrero Latorre, profesor da USC do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía.

Despois dun discurso de acollida por parte do director do IES, o que foi vicerreitor da USC impartiu unha magnífica charla de quimiometría. Concretamente, presentou aplicacións no ámbito alimentario da análise de gran cantidade de datos, suministrados polos equipos de medición actuais. Englobou técnicas de visualización, como a análise de compoñentes principais, e de recoñecemento de modelos supervisadas, como a análise discriminante, KNN, SIMCA e redes neuronais. Presentou exemplos de carne, leite, viño e mel de diferente lugar de orixe, alimentación, procesado, etc. Finalmente, cos exemplos de análise alimentaria presentados, lembrou as etapas do método científico. Deste xeito, este poñente inaugurou as actividades deste bacharelato, como xa o veu facendo nas pasadas edicións.

Álbum: Sen categoría -> Quimiometría
Distribuir contido


by Dr. Radut