Skip to Content

Índice, Conferencias, Cursos en liña, Documentación, Eventos, Notas de prensa, Prácticas

Ampliación do glosario científico

Este 24 de maio o alumnado do bacharelato STEM realizou a tarefa de ampliar o glosario científico iniciado polos seus compañeiros dos cursos pasados. Os idiomas empregados foron o galego, o castelán, o  inglés, o francés e o alemán e para isto baseáronse na documentación dos anteriores poñentes deste bacharelato. Concretamente, trataron de engadir diferentes termos útiles no eido da ciencia e da tecnoloxía.

Esta práctica foi impartida e supervisada de xeito presencial polas profesoras do noso centro María del Mar Álvarez Álvarez, do Departamento de Inglés, e María del Carmen Correa Folgar, do Departamento de Alemán. As profesoras animaron ao alumnado a realizar prácticas laborais en centros estranxeiros.

Álbum: Sen categoría -> Glosario 21

Coñecendo a Axencia Espacial Europea (ESA)

Este 10 de maio os alumnos de primeiro curso deste bacharelato e o seu profesorado asistiron á conferencia impartida pola controladora de proxectos da ESA, a galega Estela Prol Padín.

En primeiro lugar, a enxeñeira pola USC presentou a organización na que traballa e os seus estados membros, asociados e con acordos de cooperación. Falou da estructura da axencia, directamente relacionada cos programas que desenvolve e dos lugares físicos onde se fan algunhas tarefas. Amosou programas que miran ao espazo, á Terra, de telecomunicacións e algúns videos sobre algunha das misións máis recentes e futuras. Finalmente, indicou cómo chegou a ese traballo e algúns dos programas existentes para estudantes que queren formarse na ESA.

Álbum: Sen categoría -> ESA

Visita ao CIAR

Este 4 de maio os alumnos de primeiro curso de STEMbach visitaron o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (Castro de Rei), impulsado polo INTA (Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial), a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación. Este centro é pioneiro na integración das Plataformas Aéreas de Investigación e no desenvolvemento de avións remotamente tripulados. Esta viaxe foi financiada polo proxecto Phereclos, no que participa o noso IES.

Visitaron as súas instalacións, recibiron información sobre as súas investigacións pasadas e en curso, así como dos congresos e xornadas alí realizadas.

Ademais, informáronos da iniciativa Civil UAVs (de sistemas aéreos non tripulados) da Xunta de Galicia para impulsar unha industria aeroespacial na rexión, onde xa están instaladas compañías como Indra, Babcock e Boeing. Estas empresas atopan en Rozas o apoio do INTA e un emprazamento privilexiado dada a obriga actual para os avións non tripulados de voar só nun espacio restrinxido.

Álbum: Sen categoría -> CIAR 21

Prácticas de laboratorio: extracción de ADN, PCR e visualización de resultados

Os profesores da Familia Química do noso IES, Xoán Carlos Rodríguez e Belén Reija, dirixiron este 3 de maio esta práctica de xenética, empregando o kit DNA-MEAT, adquirido polo noso centro ao grupo de innovación docente XuvenCiencia. https://xuvenciencia.org/portal/xc-na-aula/dnameat/

Extraeron cunha resina o ADN de carnes de porco, tenreira, mestura de porco e tenreira, e polo. Para axilizar o proceso, mentres tivo lugar a extracción fixeron a reacción en cadea da polimerasa, PCR. Para esta reacción empregaron mostras extraídas anteriormente por alumnos do Ciclo Superior de Química. A continuación, mentres os termocicladores con tapa termostatizada remataban a amplificación do material xenético, visualizaron os resultados de mostras similares obtidas en días previos, empregando a técnica de fluorescencia molecular. Finalmente, cargaron as mostras de ADN en xeles de agarosa para ver a súa fluorescencia, despois da súa separación por electroforese en función da masa molecular.

Álbum: Sen categoría -> PCR 21

Terceira xornada de emprendemento e innovación coa Universidade Júnior de Porto.

A última xornada de emprendemento coa Universidade Júnior de Porto, cos compañeiros do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes e do Xelmírez II, tivo lugar este 26 de abril por videoconferencia no salón de actos do noso IES. Esta vez, ademais do alumnado STEMbach, asistiron tamén os profesores deste bacharelato.

O profesor Tiago Silva continuou coa presentación de ferramentas para o emprendemento como as figuras “si, e”, selección, bosquexo, prototipado e montaxe de ideas creando experiencias.

Álbum: Sen categoría -> Porto 3

Segunda xornada de emprendemento e innovación coa Universidade Júnior de Porto.

Este 19 de abril o alumnado STEMbach asistiu por videoconferencia, cos compañeiros do pasado luns, á segunda xornada de emprendemento e innovación da Universidade Júnior de Porto.

O profesor Tiago Silva continuou a falar da estratexia de formación do equipo de cofundadores, os seus obxectivos e a súa visión, e presentou un exemplo de formación dunha empresa emerxente. Finalmente, o alumnado realizou unha actividade de exploración do problema de mellorar a educación remota empregando entrevistas.

O próximo luns terá lugar a terceira e última destas xornadas.

Álbum: Sen categoría -> Porto 2
Distribuir contido


by Dr. Radut