Skip to Content

Índice, Conferencias, Cursos en liña, Documentación, Eventos, Notas de prensa, Prácticas

Primeira xornada de emprendemento coa Universidade Júnior de Porto.

Este 12 de abril o alumnado STEMbach asistiu por videoconferencia, cos compañeiros do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes e do Xelmírez II, á primeira xornada de emprendemento da Universidade Júnior de Porto.

O profesor portugués Tiago Silva impartiu esta xornada e falou de conceptos como innovación, emprendedores, empresas emerxentes e as súas fases.

Esta foi a primeira de tres xornadas, as dúas restantes terán lugar nos dous luns vindeiros, que se realizan ao abeiro do proxecto europeo Phereclos, no que participa o noso IES.

Álbum: Sen categoría -> Porto 1

Plantando cara ao lume

Este 22 de marzo Beatriz Omil, doutora do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC e coordinadora de medios aéreos e terrestres para a extinción de incendios na nosa provincia, impartiu un seminario e un pequeno obradoiro de determinación de pH en diferentes solos. A esta actividade, que vén sendo habitual no noso IES, asistiron os alumnos de primeiro curso de STEMbach e profesores e tivo lugar no salón de actos.

A charla comezou presentando as características dos lumes actuais, cada vez son menos en número pero afectan a maior superficie, e recordou algúns dos lugares dos máis importantes. Indicou que a intensidade do lume serve para clasificar os solos despois dun incendio, xa que se a intensidade deste é alta isto é perigoso porque non hai revexetación. Recordou que actualmente un 90% dos incendios son debidos ao ser humano. O seu compañeiro Alan Alburquerque falou da importancia das cinsas como fertilizantes.

A continuación, os alumnos determinaron experimentalmente o pH de diferentes solos: dun souto, dun eucaliptal e de 2 solos queimados con diferente intensidade.

Para rematar, Beatriz presentou a xestión forestal sostible e posibles actuacións antes dos incendios: podas, desbroces, distanciamento da masa forestal das casas, …, e despois destes: “mulching”, “alborradas”, sementa de vexetación idónea, ... Finalmente, a súa compañeira Noelia Lence presentou o traballo do servicio de incendios da Xunta de Galicia.

Álbum: Sen categoría -> Plantando cara ao lume 21

Prácticas: Cuantificación de toxinas en augas

Este primeiro de marzal Xoán Carlos Rodríguez dirixiu un ensaio microbiolóxico para a cuantificación en augas de toxinas que producen doenzas hepáticas. Este alumnado de primeiro curso de bacharelato STEM tamén viu algún destes microorganismos ao microscopio previamente, concretamente o día 21 do pasado mes de decembro.

Os estudantes realizaron esta práctica baseada nunha reacción de inhibición dunha enzima, na que canto maior é a concentración de microcistinas menor é a absorción de luz por parte dun colorante. Realizaron medidas duns patróns e de varias mostras de augas por duplicado. As lecturas realizáronse en placas empregadas para a técnica ELISA (“Ensaio por inmunoabsorción ligado a enzimas”), que as alumnas e alumnos do curso pasado coñeceron de xeito virtual. Finalmente, puideron ver o funcionamento doutro equipamento usado polo alumnado do ciclo superior da familia química do noso instituto nalgúns procedementos biotecnolóxicos, como un lavador automático destas placas. A análise e interpretación dos resultados realizarana posteriormente, repasando os axustes lineais e non lineais.

Álbum: Sen categoría -> ELISA

Ethical hacking and cybersecurity

Este 22 de febreiro a experta en ciberseguridade Soledad Antelada, do Lawrence Berkeley National Laboratory na Universidade de California, impartiu unha conferencia sobre rastrexo ético no salón de actos do noso instituto para alumnado e profesorado deste bacharelato de excelencia.

A poñente comenzou a xornada cunha introdución da “piratería” informática ao longo da historia. Ademais, presentou pormenores importantes como son os ocos de seguridade e falou da importancia da ética nesta profesión. Finalmente, houbo unha interesante rolda de preguntas.

Álbum: Sen categoría -> Soledad Antelada

Prácticas: Impresión 3D

Este 8 de febreiro Carlos Cazón impartiu unhas prácticas sobre impresión tridimensional na aula de tecnoloxía do noso instituto para o alumnado STEMbach desta promoción.

Comezou cunha introducción teórica sobre esta tecnoloxía, onde presentou os pasos a seguir para obter obxectos, varios programas de deseño e laminado, pormenores do procedemento e as súas aplicacións actuais.

Finalmente, viron a impresión dunha peza nunha das máquinas das que dispoñemos empregando un dos filamentos comerciais.

Álbum: Sen categoría -> print 3D

Vacinas

A investigadora do laboratorio de microbioloxía de referencia para Escherichia Coli, Dafne Díaz, impartiu unha magnífica conferencia sobre vacinas para alumnado e profesorado do noso instituto.

Este 1 de febreiro, a que noutrora foi alumna do noso centro, explicou o xeito de desenvolvelas: a partir de virus, de material xenético e de proteínas. Falou do país de orixe, da tecnoloxía empregada, da loxística, da eficacia e do prezo de diferentes marcas comerciais.

A conferencia rematou con numerosas cuestións por parte do público asistente, dado o interese actual do tema.

Álbum: Sen categoría -> vacinas
Distribuir contido


by Dr. Radut