Lun | Mar | Mér | Xov | Ven | Sáb | Dom |
---|---|---|---|---|---|---|
1 | 2 | 3 | ||||
4 | 5 | 6 | 7 | 8 | 9 | 10 |
11 | 12 | 13 | 14 | 15 | 16 | 17 |
18 | 19 | 20 | 21 | 22 | 23 | 24 |
25 | 26 | 27 | 28 | 29 | 30 |
Neste mes renovaranse de xeito parcial os membros do CONSELLO ESCOLAR deste Instituto, correspondéndolle aos pais/nais e representantes dos alumnos/as. Os pais/nais ou responsables realizaran a elección de tres membros (un deles por 2 anos) e o alumnado poderán elexir ata catro representantes (dous deles por 2 anos).
Os censos electorais, tanto de pais/nais como do alumnado estarán expostos dende o día 4 ata o 14 de novembro, no taboleiro da entrada ao centro.
Os pais/nais e alumnado interesados en presentar a súa candidatura poderán facelo na Dirección do centro, dende o día 5 de novembro de 2024, ás 9:00 horas, ata o dia 12 de novembro de 2024, ás 13:00 horas.
O dia 18 de novembro, de 9:30 a 13:30 horas, os pais/nais dos alumnos/as poderán exerce-lo voto para elexir o seu representante, debendo presentar o D.N.I. ou o Carnet de Conducir. O alumnado votará tamén o día 19 de novembro desde as 9:30 ás 13:30 horas.
Un equipo de cinco alumnos/as de 1º de Bacharelato do noso I.E.S. denominado "PeseterosFC", composto por Lorena Seijas Rodríguez, Nerea Ayán Farelo, Diego Campos Guitián, Rubén López de la Fuente e Borja López López, e coordinado pola profesora de Economía do noso centro, superou a primeira fase do Concurso Generación €uro, un concurso sobre política monetaria que organizan o Banco Central Europeo e o Banco de España.
Nesta 14ª edición, dos 520 equipos participantes, superaron a primeira proba 78 equipos, entre os que se atopa o equipo do noso centro. Os clasificados terán que enfrontarse a unha segunda proba que consistirá nunha proposta analítica sobre política monetaria.
Parabéns ao noso equipo por haber superado esta primeira fase e moito ánimo para seguir esforzándose e ampliando os seus coñecementos sobre política monetaria.
O pasado venres 15 de novembro contamos coa presenza de Rafa Vázquez, economista da Fundación Ronsel (https://fundacionronsel.org/), quen impartiu aos alumnos e alumnas de 2º curso dos ciclos formativos de Formación Profesional uns obradoiros interactivos de competencias emprendedoras, concretamente de riscos calculados.
Rematamos así outro ciclo de actividades organizadas pola Aula de Emprendemento do noso centro, financiadas na súa totalidade polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes e pola Unión Europea-NextGenerationEU (Reparto de 2023) no marco do Mecanismo do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
O pasado venres 8 de novembro, Elena Martínez e Ayelén Etchegaray, da Fundación Ronsel (https://fundacionronsel.org/), impartiron uns obradoiros de introdución ás competencias emprendedoras. Así, os alumnos e alumnas de 2º curso dos ciclos formativos de Formación Profesional tiveron a oportunidade de seguir avanzando nás súas habilidades de comunicación interactuando mediante a técnica do xogo de roles ou role-playing. Para finalizar, Elena e Ayelén déronlles toda unha serie de consellos útiles.
Estas actividades forma parte do programa organizado pola Aula de Emprendemento do IES Gregorio Fernández, e están financiadas na súa totalidade polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes e pola Unión Europea-NextGenerationEU (Reparto de 2023) no marco do Mecanismo do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
O noso centro vén de incorporarse ao proxecto Galicia Nomeada, co cal o noso alumnado de 3º e 4º da ESO pretende axudar a recuperar a nosa microtoponimia. Comezaron cun obradoiro formativo este pasado luns 21 de outubro da man de Vicente Feijoo Ares, coordinador do proxecto Galicia Nomeada e da Unidade Técnica de Toponimia da RAG, quen lles explicou cal vai ser o plan de traballo durante o curso. Picade na seguinte ligazón para atopar información máis detallada sobre este proxecto tan interesante.
O pasado xoves 24 de outubro, alumnos e alumnas de 2º do Ciclo Superior de Administración e Finanzas estiveron na Fundación CEL. Alí, por parte da consultora Implicatum, facilitóuselles unha experiencia formativa dinámica e práctica sobre emprendemento e desenvolvemento de habilidades útiles para elaborar un plan de empresa. A continuación, realizouse unha visita guiada ás instalacións da Fundación para coñecer de primeira man como se traballa no viveiro de empresas e que tipo de servizos reciben os emprendedores.
Todo o noso agradecemento á Fundación CEL.
Os pasados 3 e 17 de outubro, os alumnos e alumnas de 2º curso dos ciclos formativos de Formación Profesional do noso IES participaron nuns obradoiros nos que traballaron as súas habilidades de CREATIVIDADE E ASERTIVIDADE para proxectos colaborativos e traballos en equipo. Para isto contamos, unha vez máis, coa presenza no noso centrode Xaquín Domínguez, de Bével Consultoría.
Con estes obradoiros dase continuidade ás actividades organizadas pola Aula de Emprendemento do IES Gregorio Fernández. Están financiadas na súa totalidade polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes e pola Unión Europea-NextGenerationEU (Reparto de 2023) no marco do Mecanismo do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
O 14 de outubro, o alumnado de 3º da ESO do noso IES tivo unha xornada de convivencia cun grupo escolar do centro Collêge Paul Eluard procedente de Mur de Bretagne (Francia). Convidámolos a participar nun pequeno festival no noso Salón de Actos, tocaron e cantaron varias pezas tanto os nosos alumnos e alumnas como os alumnos e alumnas franceses e mesmo nos leron o capítulo 2 do libro O Principito. Deseguido, fomos visitar o Cebreiro e fixemos unha andaina polo Camiño Francés. Foi unha xornada de reencontros para os nosos compañeiros, pois xa non era a primeira vez que nos visitaban. Grazas unha vez máis, por esta convivencia !
O noso proxecto eTwinning Math, music and emotions. Levado a cabo ao longo do curso 2023-24 recibiu o premio Nacional de Calidade eTwinning. O traballo foi unha colaboración a tres bandas entre o IES Gregorio Fernández, o Likio Geroskipou, de Chipre e o Karpanen School de Lathi (Finlandia).
Unha das razóns do galardón foi o traballo interdisciplinar que combinou os currículos escolares de inglés, matemáticas e psicoloxía e un tema transversal clave como é a educación emocional. Ademáis, traballouse mediante docencia entre iguais pois colaboraron o alumnado de 2º de ESO e os estudantes de Antropoloxía de 1º Bacharelato. Os departamentos implicados foron os de filosofía, matemáticas e inglés da man das profesoras Patricia Coucheiro, Fe Pérez, Ana Torres e Isabel Villamor.
As nosas compañeiras Raquel Arias, Elena Corujo e Esther Rodríguez Dono realizaron unha estadía dunha semana de duración en Izmit (Turquía) o pasado mes de setembro. A finalidade da viaxe consistía en realizar un job shadowing ou aprendizaxe por observación.
Nesta ocasión as profesoras tiveron ocasión de observar a docencia no Technical and Vocational High School of Izmit. Tamén aprenderon como se xestiona o centro, de grandísimas dimensións, e descubriron os lugares onde o alumnado realiza as prácticas dos títulos que ofrecen pois Izmit é unha cidade moi industrial.
As profesoras valoraron moi positivamente tanto o trato recibido como a xestión, as instalacións, as aprendizaxes realizadas e a ocasión de practicar o inglés, que foi a lingua vehicular en todo momento. Agardan que esta fose o primeiro contacto para a realización de intercambios virtuais e físicos entre o alumnado de ambos centros educativos.