Teléfono 881930387 Código do centro: 15027216 ies.fernando.esquio@edu.xunta.gal
O IES Fernando Esquío participará no Laboratorio de Apoderamento LGBT+ xunto con outros cinco centros da comarca
O IES Fernando Esquío participará no Laboratorio de Apoderamento LGBT+, unha acción de innovación educativa pola diversidade sexual en Ferrolterra que foi presentada publicamente onte, 4 de setembro, en Fene.
Trátase dun proxecto piloto de sensibilización das comunidades locais no respecto á diversidade sexual, deseñado pola cooperativa ferrolá Rexenerando e financiada pola Deputación da Coruña.
O LAB LGBT+ aborda a cuestión da diversidade sexual dun xeito innovador, incorporando ferramentas de xestión e facilitación de grupos e dando espazo á experiencia, motivación e necesidades da mocidade.
A través do LAB desenvolverase traballo con alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato do IES, pero tamén coas educadoras e familias, o persoal técnico e político do Concello, creando así unha rede sensibilizada que poida traballar e apoiar as necesidades da mocidade desde distintos ámbitos. Ademais, contará coa colaboración e apoio de entidades que traballan activamente pola diversidade sexual, como a Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia.
Á presentación pública do proxecto asistiron traballadoras da cooperativa Rexenerando, promotora do proxecto, a deputada de Igualdade, Soledad Agra, como representante da administración financiadora, técnicas e concelleiras de Fene, Ferrol, Narón, Neda, San Sadurniño e Valdoviño, así como persoal educativo dos centros educativos participantes: IES de Fene, IES Catabois, IES Terra de Trasancos, o CPI San Sadurniño e o CPI Atios, ademais do noso centro.
Neste espazo de presentación destacouse a importancia de traballar de forma coordinada coas distintas axentes que forman parte do proxecto. Tamén a importancia do tema en cuestión, a diversidade sexual e aprender dela para facer fronte a certos discursos de odio presentes nas aulas, co obxectivo de crear cultura sobre a diversidade para acadar un mundo máis xusto e amable con todas as persoas.
O Laboración de Apoderamento LGBT+ desenvolverase nos meses de setembro a decembro e ten entre os seus obxectivos a creación de espazos máis inclusivos para a mocidade LGBT+ do concello e a comarca, a autoreflexión sobre os prexuízos a respecto da diversidade sexual, así como o deseño de propotipos de intervencións dinamizadoras para a creación dunha comunidade de activistas LGBT+, desenvolvidas pola propia mocidade do centro.
Ademais das sesións en aula co alumnado, o proxecto contará con formacións para familias e profesorado e un acto final de peche do proceso en decembro.
Poderase seguir toda a información do proxecto na canle propia de Instagram, @laboratorio_lgbt, ou nas redes sociais da cooperativa Rexenerando (@rexenerandocoop).
Por que un LAB LGBT+?
Segundo os últimos datos publicados polo Ministerio de Interior, as agresións por causa de orientación sexual ou identidade de xénero ocupan o primeiro posto entre a mocidade menor de 18 anos. A pesar de contar con lexislación e normativas que incorporan “a realización de actividades dirixidas á comunidade escolar para a prevención de actitudes e comportamentos discriminatorios pola orientación sexual ou a identidade de xénero” (como no caso da Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia), soamente un terzo do alumnado LGBTIAQ+ sente liberdade á hora de expresarse sobre temas relacionados coa orientación sexual ou identidade de xénero.
O LAB LGBT+ nace dende este contexto, como unha aposta pola creación de espazos educativos máis seguros e inclusivos, onde todo o estudantado, á marxe da súa identidade, expresión de xénero e/ou orientación sexual poida sentirse recoñecido e aceptado, e onde crear rede entre as administracións locais, docentes, familias e alumnado.
É un novo proxecto inspirado no Laboratorio de Apoderamento Lingüístico, deseñado e desenvolvido por Rexenerando no curso 2022/23, e recoñecido co Premio Mil Primaveras.