Atención aos futurxs universitarixs!
A oferta de prazas rexistrada no Ministerio inclúe, tres novos títulos de grao, seguindo o establecido no Mapa de Titulacións. Trátase dos graos en Empresa e Tecnoloxía (Universidade de Santiago de Compostela, Campus de Lugo, 45 prazas), en Bioquímica (Universidade de Santiago de Compostela, Campus de Lugo, 45 prazas) e en Nanociencia e Nanotecnoloxía (Universidade da Coruña, Campus da Coruña, 50 prazas).
- GRAOS ABERTOS: Unha boa opción para alumnado indeciso. O curso 2020/2021 será o primeiro no que o SUG oferte graos abertos, en concreto o de Ciencias Sociais e Xurídicas (Universidade da Coruña, Campus da Coruña, 10 prazas), o de Enxeñaría Industrial (Universidade da Coruña, Campus de Ferrol, 8 prazas) e o grao aberto 5USC Enxeñarías (Universidade de Santiago de Compostela, Campus de Lugo, 10 prazas).
Os graos abertos deben combinar materias de, como mínimo, tres graos da mesma rama de coñecemento, e o número de prazas máximo que poden ofertar é 25. As universidades deben garantir que o alumnado matriculado nestes programas poidan cursar un máximo de 90 créditos; ofrecerlles un proceso continuo de titorización e mentorización; e recoñecerlles a maioría dos créditos cursados no grao finalmente elixido.
O obxectivo desta iniciativa novidosa é ampliar as posibilidades de elección do alumnado ao tempo que se pretende reducir as taxas de abandono ou de cambio de estudos nos primeiros anos de vida universitaria.
- Para máis información: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/30975