Skip to Content

O IES Félix Muriel acada o cuarto posto na III Olimpiada Filosófica

 

 O equipo do IES Félix Muriel que representaba a Galicia na modalidade de vídeo filosófico ven de acadar o 4º posto na IIIª Olimpíada filosófica estatal celebrada en Oviedo os días 15 e 16 de abril.

Nas diversas modalidades da fase final desta edición participaron 60 alumnos e alumnas procedentes de centros escolares de todo o Estado.

Aínda que só figuraba como defensora do traballo do IES de Rianxo Amanda Mariño Rial, tal e como esixía a convocatoria, o vídeo Ausencia e autenticidade que representaba a Galicia foi elaborado nun traballo xunto coas irmáns Alicia e María Fernández Insua. Este grupo de tres alumnas desprazouse coas súas familias e co seu profesor Rafael Saco Fernández á capital asturiana. O conxunto do equipo traballou intensamente na preparación da defensa do vídeo, quedando só a un punto do 3º clasificado.

A valoración da experiencia foi moi positiva e pensamos que o resultado acadado non foi aínda mellor por tratarse do primeiro ano no que se inclúe esta modalidade de vídeo na Olimpíada estatal, non correspondendo os criterios de selección estatais cos que rexen na convocatoria galega, que levan desenvolvéndose dende hai tres anos. O tema xenérico da modalidade na convocatoria era o de gañadores-perdedores e, en verdade, cremos que alén desa dicotomía levamos con nós unha grande aprendizaxe e a motivación de afondar en novos retos.

                                     Rafa Saco

 

 



book | by Dr. Radut