Skip to Content

A VIAXE

Por definición, viaxar é cambiar a localización das persoas servíndonos dun medio de comunicación. Viaxar a pé é moito máis que desprazarse de un lugar a outro. Camiñar é achegarse doutro xeito, con outra mirada, a espazos de interese natural, histórico ou artístico. Camiñando atopamos sobre todo xente, persoas e pobos que nos ensinan os espazos que habitan. Visitar é coñecer, é aprender é respectar mesmo aquilo que se ignora. Un viaxeiro nunca se confunde cun turista, porque o viaxeiro sente curiosidade, quere saber e agarda que as cousas sucedan, non ten présa.

Este é o xeito en que nós imos realizar a nosa viaxe, coa mente curiosa, o corazón iluionado e a man aberta a toda verba amiga. Imos a coñecer outros lugares e outras xentes, polo tanto, esas outras xentes tamén nos coñecerán a nós. Andar polo mundo significa dialogar con outros que non somos nós nin son coma nós. Se queremos ser respectados, debemos respectar.

A nosa viaxe iníciase e remata en Rianxo, pero polo camino faremos varias recaladas. O noso destino é Extremadura, pero a nosa meta é regresar a casa un pouco máis grandes, un pouco máis sabios, un pouco máis humanos.

Ao botar a andar, é bo que nos guiemos por unha carta de ruta, para non perdernos. É bo ollar arredor e saber onde estamos en cada momento. Por iso imos escribir un mapa cos nomes dos lugares polos que pasamos, porque cando non temos un nome para dicir os lugares, estes non existen.

 

                                                                                        Sofía Rama

 



story | by Dr. Radut