Skip to Content

TEMPO DE CONCURSOS...

CONCURSO FOTOGRÁFICO "CIENTÍFICAS CASIO"

     Desde a obriga moral de dar a merecida visibilidade ao traballo das mulleres científicas ao longo da historia, o Departamento de Matemáticas do IES Elviña decidiu promover entre o noso alumnado a participación no Concurso de fotografía "científicas CASIO", organizado por esta coñecida marca xaponesa de aparatos dixitais.

     As condicións son ben sinxelas: hai que sacar unha foto onde apareza un dos pósters das doce científicas históricas seleccionadas por CASIO que poden atoparse no seguinte enlace (ENLACE MULLERES CIENTÍFICAS CASIO) e que os rapaces e as rapazas participantes poderán atopar xa impresos no instituto (previsor que é o noso profesorado de mates!). A foto deberá tirarse nalgún espazo do centro poñéndolle toda a imaxinación posible, e para iso o alumnado poderá contar coa colaboración do profesorado dos Departamentos de matemáticas, física e tecnoloxía, para que lles proporcionen entrada aos espazos nos que desexen fotografar: talleres, laboratorios, aulas, biblioteca, tellado (vaites, NON, o tellado NON!).

     "E hai premio?", preguntou Manoliño. "Haberá". E ademais será premio científico: unha flamante calculadora ilustrada (Casio, of course) e a "negra honrilla" de gañar, que tamén gosta.

     Non perdades o tempo! Tedes ata o 5 de decembro para facer as fotos!

Científicas

Estas son as doce mulleres científicas ás que se adica o concurso cun enlace para que aprendades algo máis sobre elas

Hipatia de Alexandría
Sophie Germain
Ada Lovelace
Marie Curie
Ángela Ruiz Robles
Cecilia Payne
Chien-Shiung Wu
Hedy Lamarr
Katherine Johnson
Donna Strickland
Maryam Mirzakhani
Jess Wade



page | by Dr. Radut