Estas semanas están a ser intensas no centro; ao final de curso xuntáronse diversos e emotivos momentos que recollemos neste artigo da nosa web. Ordenados pola data de celebración, destacamos en primeiro lugar a despedida do noso Auxiliar de Conversa en Francés, Paul. Este rapaz da Bretaña fíxose querer no centro e agardamos velo de novo o próximo curso. Case 100 alumnos déronlle unha despedida sorpresa.
O venres 10 de xuño celebrouse o acto de despedida do noso alumnado de 4º da ESO. Recollemos algunhas imaxes dese acto co que despedimos a promoción que nos acompañou desde o 2018 ao 2022:
E falando de xente que nos acompañou, esta última semana tivemos a sorte de que nos visitaran exalumnos e exalumnas para celebrarmos unha Xornadas de Orientación nas que lle falaron ao noso alumnado máis maior, o de 3º e 4º da ESO: ciclos de FP de grao medio e superior, voluntariado no estranxeiro, Graos universitarios, 1º e 2º de Bacharelato... Unha chea de experiencias que lles agradecemos a todos os exalumnos/as que nos visitaron, e que nos enorgullece que pasaran non hai moito por este centro.
E, finalmente, destacamos o Obradoiro de Nutrición e Dietética que impartiu a nosa exalumna Susana Rodríguez para o alumnado de 2º da ESO, no que ademais de explicar o perigo do exceso de azucre, deron alternativas ás pizzas e aos zumes.