Obradoiro de cociñas solares
O día 23 de marzo desenvolveuse no IES de Brión un obradoiro sobre cociñas solares. Esta actividade enmárcase no ciclo de charlas e obradoiros organizados polo CEIP de Pedrouzos arredor do Día da Muller, e na celebración do Ano Internacional da Luz.
Neste obradoiro alumnado de 3º de ESO e 1º de Bacharelato que cursa as materias de Tecnoloxía Industrial e Debuxo Técnico, explicou ao alumnado de 6º de primaria o funcionamento das cociñas solares. Trataron aspectos relativos ao deseño, á construcción, ao aproveitamento enerxético e as dimensións socioeconómica e medioambiental.
A partir das cociñas construídas no centro nos cursos 2009/10 e 2012/13, o alumnado de primaria tivo a oportunidade de construír o seu propio reflector.
Paralelamente, e a pesar do pouco que se deixou ver o Sol nesta mañá da recén estreada primavera, fíxose unha demostración do funcionamento deste tipo de cociñas, fervendo auga e... cocendo un ovo!