Certame anual de regueifas 2021
3ºPOSTO NO II CERTAME PROVINCIAL DE REGUEIFAS ESCOLARES
As alumnas de 4ºESO C, Iria Pedridro e Paula Varela, asistiron como público ao Certame Provincial de Regueifas, organizado pola asociación Oral de Galicia e a Deputación de Pontevedra. Agora convértense nas nosas cronistas e relatan como o pasaron:
O venres 19 de novembro o alumnado que participamos no Taller de Regueifas asistimos ao Certame Provincial que tivo lugar no CVC de Valadares.10 alumnos/as acudían a regueifar e uns 25 asistíamos como seareiros, animando cun bombo dende o público.
Despois de sucesivas probas, concedéronnos o 3ºpremio, por detrás do Colexio Quiñones de León (Vigo) e do IES Pintor Colmeiro de Silleda, que acadou o 1ºposto.
Os compañeiros de 3ºESO, Anxo Facal e Julia Vidal, pasaron á primeira semifinal (20 alumnos/as dun total de 100) e Julia mesmo chegou á finalísima de catro regueifeiros, onde demostrou a súa arte facendo tres regueifas improvisadas no escenario. O seu premio foi unha tablet.
Pode que nos perdesemos o magosto que tiña lugar esa mesma mañá no instituto pero o roscón que gañamos (estaba riquísimo) e o ben que o pasamos, ninguén nolo quita.
Longa vida á regueifa!