Rúa Emilia Pardo Bazán, nº 33, Allariz
ies.allariz@edu.xunta.gal
988 788 001
Mobilidade ERASMUS + de alumnado do noso centro a Portugal
Dez estudantes que cursan 3° ESO no IES de Allariz acompañados/as por unha docente e un docente do centro, realizaron a segunda mobilidade do proxecto que leva por título Reservas da Biosfera. 100% Sostibilidade aeropónica. Dita mobilidade tivo lugar na ESAOF Escola Arquiteto Oliveira, na localidade de Arcozelo, situada en Vila Nova de Gaia, Portugal do 12 ao 16 de decembro.
Entre as actividades realizadas destacamos a presentación por parte do alumnado do IES de Allariz de propostas de mobilidade sostible que o alumnado de 3º ESO traballa este ano lectivo, e o proxecto UBUNTU que consiste nunha serie de actividades para mellorar a empatía e a integración. Igualmente destacamos a visita á Estaçao Litoral da Aguda onde nos mostraron todo o relacionado co litoral da costa Atlántica, os seus costumes de pesca e o labor de rehabilitación que están a levar a cabo.
Tamén foi moi interesante ver como o alumnado traballa e elabora aplicacións para teléfonos móbiles usando a app inventor. O alumnado participante destaca a importancia destas actividades que serven para coñecer outros sistemas educativos, outras formas de ensinar, practicar idiomas, coñecer outros estudantes, facer máis grupo e ter máis empatía. O profesorado, Elvira Macia González e Guillermo Lago Fernández, docentes acompañantes na mobilidade, salientan a importancia destas estadías para mellorar a formación e coñecer outras formas de facer. Compartir a experiencia con outros docentes así como observar o traballo en distintas áreas foi moi enriquecedor. Así mesmo a inmersión lingüística é algo óptimo para mellorar a competencia en linguas.
O noso centro espera poder recibir en breve ao alumnado do instituto ESAOF para mostrar as atividades relacionadas coa sostibilidade que estamos a desenvolver no proxecto Erasmus+, así coma a nosa Vila, Allariz. O docente de EF guiará ao alumnado no deseño de roteiros de mobilidade sostible evitando as vías de tráfico rodado e sinalización GPS con indicación de tempos. A súa vez, eles daráno a coñecer o seu proxecto UBUNTU a todo o noso centro.
Finalmente queremos agradecer toda a atención e bo trato recibido polo profesorado da ESAOF, en especial a Gabriela Peres, a coordinadora Erasmus do centro portugués, quen facilitou que toda a experiencia ocorrese de forma sobresaínte. Como centro acreditado Erasmus + que somos, comezamos a preparar a seguinte mobilidade de alumnado para que a experiencia Erasmus + continúe a mellorar o noso centro.
“O proxecto “Reservas da Biosfera. 100% Sostibilidade aeropónica” está cofinanciado polo programa Erasmus+ da Unión Europea. O contido desta nota de prensa é responsabilidade exclusiva do IES de Allariz e nin a Comisión Europea, nin o Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) son responsables do uso que poida facerse da información aquí difundida.”
- APIs de Blogue
- Versión para imprimir