Rúa Emilia Pardo Bazán, nº 33, Allariz
ies.allariz@edu.xunta.gal
988 788 001
Unha antiga alumna do IES de Allariz obtén o premio ao mellor expediente académico
Raquel Pérez, antiga alumna do IES de Allariz, conseguíu o premio ao mellor expediente académico no Máster en Enxeñaría de Minas da Universidade de Vigo.
Un premio ao esforzo e a paixón
A titulada Raquel Pérez, recoñecida co Premio ao Mellor Expediente da súa promoción, confesaba sentirse enormemente agradecida á escola e ao Colexio de Enxeñeiros de Minas do Noroeste. “A verdade é que resulta unha grata recompensa polo esforzo e a entrega durante os anos de mestrado”, sinala. Ante unha titulación que esixe tantas horas de dedicación, a alumna recoñecía que cando “un lle pon paixón o que fai, o traballo é moito máis levadeiro”. Pérez considera que “un recoñecemento deste tipo sempre se vai ter en conta de maneira positiva á hora de iniciar a vida laboral”, aínda que agarda que cando ocupe un posto de traballo sexa porque ten as cualidades idóneas para o mesmo, e non por este tipo de recoñecementos previos.
Segundo indica a premiada, no máster lévase a cabo unha formación integral nos campos da extracción, transformación e xestión dos recursos, ben sexan naturais (minerais, augas, espazos subterráneos) coma enerxéticos (renovables e convencionais). A ela o mestrado serviulle para completar a formación como enxeñeira nos temas relacionados coa industria extractiva, os explosivos e a metalurxia. Resulta positivo observar que nunha titulación na que sempre houbo máis alumnos que alumnas, a tendencia vai cambiando, como así o demostra este outorgamento, a pesar de que nesta promoción do mestrado “eramos dúas mulleres fronte a oito homes”, confesa a alumna.
Texto e fotos: http://duvi.uvigo.es/index.php?option=com_content&task=view&id=12166&Itemid=47.