Circular para as familias: Elección ao Consello Escolar 2024
ELECCIÓN DO REPRESENTANTE DE NAIS, PAIS E TITORES/AS LEGAIS AO CONSELLO ESCOLAR
CONVOCATORIA
De acordo coa RESOLUCIÓN do 10 de setembro de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se establece o calendario para a realización de eleccións de membros dos consellos escolares de centros docentes sostidos con fondos públicos. (DOG do 18/09), a XUNTA ELECTORAL deste Centro, en virtude das atribucións que lle son conferidas pola lexislación vixente, dispón a convocatoria de eleccións ao Consello Escolar, SECTOR DE PAIS E NAIS DO ALUMNADO, segundo as seguintes normas:
1. De acordo co disposto no artigo 40 do Decreto 324/1996, do 26 de xullo (DOG do 09/08/1996), redactado conforme ao establecido na disposición adicional terceira.1 do Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro (DOG do 26), corresponde elixir no presente proceso electoral a 1 pai/nai/titor-a legal.
2.- Son electores todos os pais e nais ou, se é o caso, os titores/as legais do alumnado matriculado no Centro e incluídos no Censo exposto no taboleiro do centro.
3.- Son elixibles os pais e nais ou, se é o caso, os titores/as legais, que presentaron a súa candidatura oficial segundo o modelo que se facilitou na Secretaría do Centro, en forma e prazo.
4.- O sorteo dos membros da mesa electoral realizouse en acto público, entre os pais/nais que non se presenten como candidatos/as, o día 11 de novembro, ás 11.00 horas. Dita mesa electoral estará composta pola Directora do Centro, que actuará como Presidenta, e catro pais/nais ou titores/as legais, actuando de secretario/a o de menor idade.
5.- As votacións realizaranse neste IES o día 19 de novembro, de 08.30 a 09,30 horas e de 17.00 a 18.00 horas. A mesa electoral será constituída o mesmo día, en acto público, ás 08.15 horas.
6.-Na papeleta de votación cada elector/a fará constar un máximo de 1 nome dos candidatos presentados, debendo acreditar a súa personalidade á hora de votar, mediante exhibición do DNI ou documento similar. O voto será directo, secreto e non delegado e non se admitirá o voto por correo.
7.- Teñen dereito ao voto o pai e a nai ou, se é o caso, o titor/a legal do alumnado.
8.- Finalizada a votación procederase ao escrutinio dos votos, que será público, e unha vez realizado, levantarase acta para ao seu envío a Xunta Electoral do Centro.
9.- A Xunta Electoral do Centro resolverá as dúbidas e reclamacións que se poidan formular.
Alfoz, 14 de novembro de 2024
A PRESIDENTA DA XUNTA ELECTORAL
Eva Fernández Fernández
Calendario eleccións ao Consello Escolar
Constituída a Xunta Electoral o 24 de outubro de 2024, determina o seguinte calendario electoral para a renovación parcial do Consello Escolar:
CALENDARIO ELECCIÓNS CONSELLO ESCOLAR |
|
- CONSTITUCIÓN XUNTA ELECTORAL - PUBLICACIÓN DE CENSOS - APROBACIÓN E PUBLICACIÓN DO CALENDARIO ELECTORAL |
24 DE OUTUBRO DE 2024 |
- PUBLICACIÓN DAS CONVOCATORIAS |
25 DE OUTUBRO DE 2024 |
- PERÍODO DE PRESENTACIÓN DE CANDIDATURAS - RECLAMACIÓN AOS CENSOS |
DO 28 DE OUTUBRO AO 7 DE NOVEMBRO DE 2024 (AMBOS INCLUÍDOS) |
- PROCLAMACIÓN DE CANDIDATURAS - APROBACIÓN DOS CENSOS - SORTEO MESA ELECTORAL |
11 DE NOVEMBRO DE 2024 |
- PERÍODO DE RECLAMACIÓNS ÁS PROCLAMACIÓNS DE CANDIDATURAS |
11-12 DE NOVEMBRO DE 2024 |
- RESOLUCIÓN DAS RECLAMACIÓNS ÁS PROCLAMACIÓNS DE CANDIDATURAS
|
13 DE NOVEMBRO DE 2024 |
- CONSTITUCIÓN DAS MESAS ELECTORAIS - VOTACIÓN - ESCRUTINIO |
19 DE NOVEMBRO DE 2024
|
- PERÍODO DE RECLAMACIÓNS ÁS RESOLUCIÓNS DAS MESAS ELECTORAIS |
20-22 DE NOVEMBRO DE 2024 |
- RESOLUCIÓN DAS RECLAMACIÓNS PRESENTADAS ÁS RESOLUCIÓNS DAS MESAS ELECTORAIS - PROCLAMACIÓN DE CANDIDATURAS |
25 DE NOVEMBRO DE 2024 |
- PRAZO DE RECLAMACIÓN ANTE A DIRECTORA TERRITORIAL: |
15 DÍAS HÁBILES DESDE A PROCLAMACIÓN DE CANDIDATOS |
Recordamos que corresponde a renovación do representante de nais/ pais/ titores legais, do representante do alumnado e a dun representante do profesorado do Consello Escolar.
A partir do 28 de outubro e ata o 7 de novembro (ambos incluídos), aquelas persoas que desexen presentar a súa candidatura poderán exercer o seu dereito presentando na Administración do centro, en horario de 09:00 horas a 13:30 horas, os modelos que estarán dispoñibles no propio centro.
Día das escritoras 2024. Visita de Irene Rega.
Onte visitou a biblioteca do centro Irene Rega, escritora de San Cibrao, para explicar á rapazada de 3º ESO como é o seu proceso de escrita. Tamén contou o que significou para a súa carreira como escritora acadar os premios que conseguiu. A actividade rematou cun pequeno xogo de creación baseado nos exercicios de estilo de Raymon Queneau. Todo un pracer poder contar coa súa presenza nun día tan sinalado.
Eleccións ao Consello Escolar
Segundo a Resolución do 10 de setembro de 2024, establécese o calendario para a renovación parcial dos Consellos Escolares dos centros docentes sostidos con fondos públicos.
No noso centro, correspóndelle renovar a un representante do alumnado e a un representante de nais/pais/titor-es legais.
O vindeiro xoves, 17 de outubro, celebrarase o sorteo público para a constitución da Xunta Electoral, encargada de xestionar o proceso. O 24 de outubro procederase á constitución da mesma, publicarase o calendario electoral e toda a información relacionada.
Animamos ás familias a formar parte do centro a través do Consello Escolar, órgano que permite a conexión do centro coas familias en prol dunha mellora da convivencia no centro e calidade educativa.
Adxúntase un ficheiro con información básica sobre o proceso.
Obradoiro Videoactivismo medioambiental Fondo Galego de Cooperación
Este luns, o alumnado de 4º ESO participou nun obradoiro de videoactivismo medioambiental organizado polo Fondo Galego de Cooperación. O proxecto ‘People & Planet: un destino común’ ten como obxectivo concienciar as mozas e mozos europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable.
Persoal especializado da ONGD Agareso impartiu este obradoiro de videoactivismo medioambiental, no que remataron gravando un breve vídeo onde identificaron un problema local ou global e explicaron o que xa fan ou poden facer ao respecto. As pezas presentaranse á segunda edición do certame audiovisual #PeopleOfTheFuture.
Grazas ao Concello de Alfoz e ao Fondo Galego de Cooperación por falicitarnos a participación nestes proxectos.
Reunión co titor/a do seu fillo/a
REUNIÓN CO TITOR/A DO SEU FILLO/A |
Estimadas familias:
Práceme convocalas á reunión co titor/a do seu fillo/a, que terá lugar o próximo luns, 7 de outubro, ás 17:00 horas.
O titor/a informaralles dos aspectos máis relevantes a ter en conta sobre a organización e funcionamento durante o curso 2024/25.
A recepción de todas as familias farase na sala de usos múltiples (planta baixa).
Plan Director
O pasado mércores, 25 de setembro, recibimos a Héctor Méndez Fernández, psicólogo e formador da Garda Civil da comandancia de Lugo e un dos responsables do Plan Director. Os alumnado de 1º e 2º ESO tivo a oportunidade de compartir con el unha charla sobre "Acoso escolar" e o alumnado de 3º e 4º ESO sobre "Delitos de odio". Agradecémoslle a súa profesionalidade e adicación. Estas charlas son moi importantes pola cantidade de información que recibimos a través delas.
Presentacións de inicio de curso 2024-25
Benvidas e benvidos ao curso académico 2024-25.
As presentacións para todos os niveis terán lugar o mércores, 11 de setembro, ás 11:00 horas. O profesorado titor acompañaravos á vosa aula de referencia.
Ese día haberá servizo de transporte.
Listaxe provisional fondo solidario curso 2024-25
Publicouse no taboleiro de anuncios, situado no interior do centro, a listaxe provisional de persoas beneficiarias de libros de texto do fondo solidario; a listaxe provisional de solicitudes excluídas, indicando a causa de exclusión; e a relación provisional de solicitudes de axudas para adquirir libros de texto e material escolar nas que se detecten deficiencias, indicando a deficiencia detectada ou a documentación da que carecen.
Así mesmo, as persoas solicitantes poderán acceder por vía electrónica ao seu expediente, a través da aplicación Fondolibros, empregando a Chave 365 ou o certificado dixital.