Skip to Content

O noso centro no proxecto Erasmus STEM

No noso instituto hai xa varios anos que se traballa baixo a filosofía de proxectos integradores de ciencia e tecnoloxía, incluíndo neles a lingua galega, o que para nós é fundamental na normalización da mesma. Se algo temos claro é que a participación neste tipo de proxectos involucra ós estudantes enormemente, xa que os motiva ó propoñerlles problemas auténticos, traballo de equipo, e construción de solucións reais e tanxibles.

Temos dous proxectos fundamentais nesa liña de traballo, dos que podedes atopar información nas respectivas pestanas da nosa web:

  • O proxecto STARgal, que nace no curso 2016, é unha mostra de videoxogos e traballos audiovisuais nos que se tratan temáticas de corte cultural desde unha óptica científica e tecnolóxica: videoxogos programados con Scratch, robots que desenvolven retos baseados e obras da nosa literatura, estruturas a escala humana nas que se experimentan sensacións de realidade virtual...
  • O Club de Ciencia formouse o curso pasado e con el deseñamos e creamos un módulo de bioconstrución para demostrar que as condicións de habitabilidade dunha vivenda elaborada con adobe e madeira eran mellores que as dunha vivenda de formigón. No curso actual continuamos cos traballos de investigación, desenvolvendo subproxectos de meteoroloxía, construción, investigación de radón, sensorización con Arduino...

Do que se trata é de provocar procesos de investigación científica para a aprendizaxe conxunta de novos conceptos de Matemáticas, Ciencias e Tecnoloxía dentro dun proceso práctico de deseño e resolución de problemas, tal e como se fai en Enxeñería no mundo real. E sempre en lingua galega, a gran mal parada nos deseños curriculares actuais, como se o futuro houbese de escribirse necesariamente en inglés e español.

 



blog | by Dr. Radut