NADAL 2009
A cantiga de Amadora de Galego
Vai-te logo meu ninín/niniña,
marcha agora pra camiña.
Que vai vir o Apalpador
a palparche a barriguiña.
Xa chegou o día grande,
día do noso Señor.
Xa chegou o día grande,
E virá o Apalpador.
Mañá é día de cachela,
que haberá gran nevarada
e ha vir o Apalpador
cunha mega de castañas.
Por aquela cemba
xa vén relumbrando
o señor Apalpador
para darvos o aguinaldo.
Cantiga de Amadora de Galego, labrega de 79 anos en Romeor do Courel
(Recollida en 1994 por José André Lôpez Gonçâlez)
O Apalpador é un vello xigante, de oficio carboeiro, que vive nas devesa das altas montañas. Na noite de Nadal baixaba ás aldeas para achegarse aos nenos e ás nenas que durmían. Caladiñamente, apalpáballes as barrigas para ver se os pícaros estaban ben alimentados. Logo de desexarlle que no ano vindeiro non pasasen máis fame, marchaba deixándolles unha boa presada de castañas quentes.