Skip to Content

ACLARACIÓNS RELATIVAS AO DESENVOLVEMENTO DO 3.º TRIMESTRE, A RECUPERACIÓN, A PROMOCIÓN E A TITULACIÓN DO ALUMNADO DE EDUCACIÓN PRIMARIA E ESO

29/04/2020 10:56
Europe/Madrid

Dada a confusión reinante sobre o desenvolvemento do 3.º trimestre e o final do curso 2019-20, a dirección do CPI de San Vicente considera necesario aclarar varios puntos:

  • Todo o alumnado debe continuar coa actividade lectiva de modo non presencial (ou presencial, no caso de rematar o confinamento antes que o curso escolar), co fin de minimizar os prexuízos que esta situación poida provocar na súa formación. Esta actividade poderá repercutir positivamente na súa cualificación final.
  • Non vai haber aprobado xeral: só se flexibilizarán os criterios de promoción e titulación, de forma que as repeticións de curso sexan excepcionais (pero posibles).
  • Na ESO haberá convocatoria de avaliación extraordinaria en setembro, coma sempre.
  • O alumnado de ESO que suspendera algunha materia no 1.º e/ou o 2.º trimestre deberá seguir co plan de recuperación establecido na correspondente programación didáctica; é dicir, deberá realizar as actividades que o profesorado lle indique e/ou preparar un exame de recuperación para o mes de xuño, segundo a materia. No caso dos exames, se finalmente estes non se puidesen realizar no centro, serán adaptados ou substituídos por outros procedementos de avaliación dos cales se informará coa debida antelación.
  • O alumnado de ESO que ten materias pendentes de cursos anteriores: deberá seguir co plan de recuperación establecido. Neste caso, os exames realizaríanse a comezos do mes de xuño, e non en maio como estaba previsto.
  • A información básica sobre a adaptación das programacións didácticas para o remate do curso 2019-20 (tanto de aprendizaxes e competencias como de criterios de avaliación e cualificación) será publicada nesta web a mediados do mes de maio.

 

As instrucións definitivas da Consellaría de Educación sobre o desenvolvemento do 3.º trimestre deste curso pódense consultar aquí: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/30936



story | by Dr. Radut