Skip to Content

Punto Laranxa Virtual de denuncia contra o acoso escolar.

O CPI de Rodeiro informa á súa comunidade educativa da implantación do Punto Laranxa Virtual na nosa web do centro, como punto virtual de denuncia anónima e accesible para calquera persoa. Proximamente contaremos tamén no centro cun punto laranxa físico, ao igual co resto de centros da nosa comunidade. 

 

Trátase dunha iniciativa desenvolvida ao abeiro do Plan Integral contra estas condutas co fin de blindar que as contornas escolares sexan seguras, inclusivas e respectuosas e que os centros escolares conten cos recursos necesarios para poder previr, identificar e actuar ante estas situacións.

 

Estes puntos laranxas contra o acoso escolar teñen un formato físico nas propias instalacións e outro virtual a través dos webs de cada un dos centros educativos. Ademais, contan cunha imaxe común e uniforme para que sexan perfectamente identificados e accesibles. Poden atopar o punto laranxa virtual no panel dereito desta web. 

 

O seu funcionamento é como o dun buzón a través do cal o alumnado pode comunicar ou denunciar, desde unha posición totalmente anónima, posibles situacións de acoso ou ciberacoso que sufran ou perciban en terceiros.

 

Para xestionar este buzón, en cada centro educativo constitúese un equipo de actuación contra o acoso escolar integrado, entre outros, polo coordinador de benestar emocional e convivencia e a persoa orientadora do centro.

 

Deste xeito, o alumnado conta cun equipo de referencia ao que dirixirse en caso de que o precise. 

 



page | by Dr. Radut