O alumnado de 4º curso de Educación Primaria resultou gañador na súa categoría, da I Edición do Certame Literario Paco Lareo, organizado pola Fundación A Solaina de Piloño. O concurso, que ten como finalidade a promoción da creación literaria en Lingua Galega entre o alumnado de Educación Primaria e Secundaria, supón un novo espazo para a expresión e creatividade literaria.
A obra gañadora, chamada “A Granxa Revirada” é a historia dunha granxa moi especial: unha granxa onde poucas cousas teñen sentido e onde parece que todo acontece do revés, de aí o seu nome. Pese a iso, nela reina a alegría, a diversión e a amizade.
“A Granxa Revirada” é un poemario que se fai coa única intención de achegar a poesía ao alumnado desde o divertimento e o disfrute: é un acercamento ás rimas, ás repeticións, ás onomatopeas… que se realiza a través do coñecemento do seu mundo máis próximo, o rural.
Trátase dunha iniciativa impulsada desde os proxectos “Radio Escolar” e “Videotubers Rodeiro” para a mellora da Competencia en Comunicación Lingüística por medio da integración das TIC´s na creación de poemas: a súa lectura, escritura, audición, recitado, gravado, musicado…
Moitos parabéns rapaces!
Se desexas ver esta noticia nos medios de comunicación, podes ler a nova no Faro de Vigo.