As MADRIÑAS da Mata
O martes 7 de xuño culminou un proxecto desenvolvido durante este curso 2021-22 no CPI Manuel Suárez Marquier (coñecido como A Mata), dentro da aula de Relixión de ESO. Un grupo de mozas e mozos de 3º de ESO escribiu a un grupo de mulleres do Rosal, as máis delas que viven soas, e todas xa cunha idade avanzada. Coordinou todo o proxecto Ana Fernández Ordóñez, profesora desa materia en Secundaria e contou coa colaboración das traballadoras sociais do Concello, Isabel Mandado Vázquez e Davinia Álvarez Delgado e do concelleiro Moncho Leal.
Despois de varias cartas intercambiadas, nas que se presentaban, falaban, identificaban familias e lugares, comentaban cousas do pasado ou do presente, ese día, martes 7, foron coñecerse persoalmente á biblioteca do colexio. Non foron todas as mulleres, por distintas circunstancias propias da idade.
Distribuídas as persoas, por pequenos grupos reunidas nunhas mesas, Ana e Moncho ían pasando dunhas a outras agrupacións. Escoitaron narrar a vida emigrante en Alemania, sen saber, ao chegar, nada do idioma. Houbo quen aprendeu que a fregona é un invento recente, que non se coñecía en Europa ata hai ben pouco. En todo momento había curiosidade por ambas partes. Era importante relacionar parentescos, saber de lugares de procedencia. Dúas fases ben diferenciadas da vida estaban en contacto. Algo pouco frecuente hoxe en día, pero que hai anos era habitual polo ritmo e xeito de vida tan diferente ao actual. En tempos pasados era normal que as persoas novas escoitaran, ao pé da lareira ou do fogar ás persoas de máis idade. Tamén é verdade que non era frecuente que fora recíproco, que a mocidade puidera falar sempre.
Participaron por unha banda Juana, Pilar, Dolores, Rosalía, Lucía, Josefina, Dorina, Carmen María e Primitiva e por outra Noa, Lucía, Lara, Brais, Rubén, María, Uxía, Vega e Hugo.
Contamos tamén ese día coa presenza de Ánxela, a alcaldesa do Rosal.
Xunta de Galicia - Consellería de Educación, 2013 |