Saltar navegación.
Inicio

A igualdade está nas nosas mans

A IGUALDADE ESTÁ NAS NOSAS MANS

 Estamos ás portas da semana do 25 de novembro, “DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER”. Para reflexionarmos acerca do que supón e decatármonos do importante papel que podemos xogar á hora de erradicar esta lacra social, o ENDL do CPI Fonte Díaz propón unha única actividade que se ha levar a cabo por todas as alumnas e alumnos do noso Colexio. Con ela queremos sensibilizar a comunidade escolar na importancia da loita contra a violencia sexista, facéndoo dende o camiño máis seguro: a loita pola igualdade e a importancia do compromiso persoal nesa tarefa.

 A actividade proposta leva por título “A igualdade, nas nosas mans”, e está dirixida a todo o alumnado do centro. Para realizala, estamos a pintar a fachada de saída e entrada de Secundaria de color lila, co lema “A igualdade, nas nosas mans”. O día 25 todo o alumnado do centro irá saíndo cara a esta fachada para deixar nela a pegada en pintura branca das súas mans, seguindo o perfil dunha onda, que aparecerá marcado alí.

Comezaremos polas mozas e mozos de 4º de Secundaria, que colocarán as mans na parte máis alta da fachada e, cando rematen, irán lavar as mans (as mozas ao baño de nenas do patio, e os mozos aos baños do edificio dos laboratorios) baixo a supervisión do profesor ou profesora. Despois irán saíndo os cursos inferiores que as irán colocando un pouco máis abaixo e así ata chegarmos a Ed. Infantil.

Esa onda que pintaremos entre todas e todos ha simbolizar a grande vaga que, formada por homes e mulleres, acabará de vez coa violencia sexista, da man do compromiso persoal a prol da igualdade.

Coma sempre, o ENDL quere agradecer a vosa colaboración desinteresada á hora de tratar esta realidade cruel e dolorosa. Con todo, sabemos que dende a escola podemos sementar futuros novos e axudar a mudar as inxustizas. Grazas.