8 de marzo. Día da muller
8 DE MARZO, DÍA DA MULLER
O ENDL do CPI de Touro quere celebrar con todas e todos vós o Día da Muller. Sabemos que a educación é o medio máis importante para acadar a xustiza e o progreso dos pobos, por iso cremos que a igualdade de xénero, como ben común que é, debe estar presente nas actividades do noso centro. Para facelo, propoñemos unha serie de actividades coas que toda a comunidade escolar poida reflexionar acerca da importancia desta data e, sobre todo, do obxectivo que esta representa.
Aulas son mulleres
Cada aula elixirá o nome dunha muller que destaque polas súas achegas á sociedade, á arte, ao deporte, á educación, á política, á literatura, á música... As mozas e mozos, axudados polo titor ou titora, colocarán na porta o nome e a foto ou imaxe da seleccionada, acompañada dun breve resumo da súa vida e obra. As cartolinas deben estar colocadas na semana do 9 de marzo, pero xa poden ir sendo postas na anterior.
Mil razóns para o 8 de marzo
Cada aula creará un lema cunha razón pola que aínda debemos celebrar o 8 de marzo. O lema, no que se indicará a clase que o elaborou, será metido nunha urna que estará situada no corredor. Os lemas, que deben estar feitos na semana do 2 ao 6, aparecerán logo nos taboleiros da planta baixa. Animamos tamén ao persoal non docente, ás nais e pais, antigas alumnas e alumnos, etc a que fagan os seus lemas e os coloquen na urna.
Grazas, coma sempre, pola vosa colaboración e traballo. Pero, sobre todo, grazas por facer co voso esforzo que todos os días se transformen nun camiño cara á igualdade.
Equipo de Normalización e Dinamización CPI Touro