Saltar navegación.
Inicio

Internet

Vídeos do Feal

20/05/2008

A partir de agora a nosa Galería de imaxes non só terá fotos: todos os vídeos do Feal publicados nesta web xa se poden visualizar dende os novos álbums "Vídeos 2008" e "Vídeos 2007".

A Aula Virtual do Feal

Moodle

15/05/2008

Debaixo da cabeceira da nosa web hai un enlace chamado "Aula Virtual" que permaneceu abandonado moito tempo. En abril de 2008, o departamento de Tecnoloxía comezou a experimentar con esta ferramenta en colaboración co alumnado de 4º de ESO. Trátase dunha aplicación web chamada "Moodle" orientada á Educación que pode acoller moi diversos recursos: apuntes, prácticas, exames, foros... todo o que poidades imaxinar.

As páxinas normais do noso espazo web utilizan outro sistema chamado "Drupal", cunha orientación máis informativa. Se un departamento ou equipo quere dar un paso máis e utilizar a nosa web como ferramenta didáctica, o lóxico é empregar a "Aula Virtual". Aínda que non todo o alumnado ten Internet na casa, Moodle pode ser unha ferramenta moi útil nas aulas de Informática, independentemente da materia que se traballe.

O curso experimental de Tecnoloxía creouse con exercicios semanais moi sinxelos, pero hai moitas posibilidades de organización. Aínda que ás veces é posible entrar nun curso como convidado, os alumnos necesitan contrasinal para poder enviar traballos e consultar a súa avaliación. Non conseguimos predeterminar o galego nos menús, pero podedes escoller entre catro idiomas: galego, castelán, inglés e francés. Esperamos que se vaian animando máis profesores/as pouco a pouco.

Deixamos aquí debaixo as fotos dos creadores destes dous grandes proxectos de software libre:

  • Á esquerda: o australiano creador de Moodle (Martin Dougiamas).
  • Á dereita: o belga creador de Drupal (Dries Buytaert).
Martin Dougiamas            
Dries Buytaert
O creador de Moodle             O creador de Drupal
               

Xa somos importantes: temos imitadores

14/05/2008

O responsable desta web quedouse coa boca aberta comprobando que un dos famosos metroflogs que fan os nosos alumnos estivo copiando ao pé da letra os artigos da web oficial do Feal (tamén as fotos) durante meses. No fondo foi un honor que copiaran o noso traballo, aínda que non fixeran ningunha mención das fontes. Ademais, a verdade é que non vimos comentarios ofensivos no metroflog (todo o contrario) e hai que valorar esta iniciativa que tratou de facernos a competencia, pero preferiríamos unha competencia un pouco máis creativa.

Este era o enderezo: http://www.metroflog.com/alumnosdofeal. Lamentablemente, o descoñecido creador/a asustouse coa nosa pequena protesta e pechou o metroflog. Gustaríanos que volvera a funcionar, con tal de que non se reducira a unha fotocopia desta web.

Novo cadro de busca de Google

17/04/2008

Como xa veríades, o acceso a Google dende esta páxina é agora máis directo porque hai un cadro onde se poden introducir as palabras de busca. Así que nos ordenadores do centro xa non tedes escusa para poñer como páxina web de inicio a de Google en vez de a do Feal. Google tamén ten un servizo que teoricamente permitiría facer buscas dentro da nosa web, pero estivemos facendo probas e de momento non da resultado.

Xa estamos no máis alto de Google

O Feal en Google

20/02/2008

Grazas ás vosas numerosas visitas, a web oficial do Feal xa aparece sempre de primeira cando se fai unha busca en Google con "cpi feal", "cpi do feal" ou "cpi o feal". Así que non necesitades usar o noso longuísimo enderezo para entrar dende calquera ordenador raro de por alí adiante.

Internet chega a Freixeiro

Freixeiro

19/12/2007

Xornada histórica na Escola Infantil de Freixeiro pertencente ao CPI do Feal. Despois de tres anos de xestións, reclamacións e sucesivas dificultades tecnolóxicas, por fin conseguimos que "O Fealiño" que temos a tres quilómetros tamén teña Internet en todo o edificio.

Aproveitamos para incluír na Galería do noso espazo web (debaixo da cabeceira) algunhas fotos de traballos feitos polos nenos de Freixeiro recentemente.

Benvid@s á rede, Freixeiro.

Por fin estamos en Google

Google

11/12/2007

Fixeron falla máis de seis meses para que o principal buscador de Internet atopara a nosa web.

Agora xa podes teclear "cpi feal" en Google e o noso enderezo aparece entre os primeiros resultados, anque aínda non é o primeiro de todos (para isto necesitamos máis visitas e máis enlaces).

Navega connosco

Illa Balea

Gustaríanos que tódolos días houbera algunha sorpresa na nosa web e que nunca se chegue a abandoar, pero para iso necesitamos a colaboración de todos. Todo o que pasa no Feal ten cabida aquí, podes enviar as túas ideas ao enderezo electrónico do centro ou simplemente achegarte á Secretaría, quedaremos moi agradecidos.

A imaxe é dunha empresa árabe de deseño, pódese ampliar facendo clic nela.

A Tribo no Xornal Educativo da Consellería

A Tribo 2007      

Na edición de setembro de 2007 do Xornal Educativo da Consellería de Educación, publicáronse dous artigos de A Tribo 2007: "Entrevista a Óscar Fernández" e "A cerámica de Buño chegou ao Feal". Ademais, para ilustrar o acceso ao Xornal elixiron a portada da nosa revista.

A creación do noso espazo web

Despois de que a Consellería de Educación nos dera de alta no seu proxecto de "Webs Dinámicas", a mañá do 29 de maio de 2007 veu Ramón Gil (asesor da Consellería) ao Feal para axudarnos a dar os primeiros pasos.

Ramón reuniuse con Gloria Martín (profesora de Matemáticas e naquel momento xefa de estudos de Secundaria), Mercedes Taibo (administrativa) e Ángel Carrera (profesor de Tecnoloxía e naquel momento secretario). Esa mesma tarde comezamos a traballar neste espazo web.

Enderezos electrónicos

  • Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
  • ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
  • Coordinación da web: web.feal@gmail.com
Distribuir contido