Saltar navegación.
Inicio

Nova visita da escritora Andrea Maceiras

Andrea Maceiras - CPI do Feal 2024Preme para ver máis fotos

16/04/2024

O pasado día 10 de abril o alumnado de 4º ESO recibiu a visita da escritora Andrea Maceiras (A Coruña, 1987), convidada a través do departamento de galego. Resultou ser unha charla moi entretida na que soubo gañar a confianza e respecto da rapazada de 4º, demostrando ser, ademais dunha prolífica e premiada escritora, unha persoa cunha enerxía moi especial e que sabe chegar ao corazón da mocidade.

Desde un primeiro instante mostrouse dialogante e interesada pola xente nova e as súas inquedanzas. Aínda que viña falar do seu libro O que sei do silencio (2018 Xerais), finalista do premio Raíña Lupa 2017 da Deputación da Coruña, primeiro comezou contando un pequeno conto de fadas que tiña moito que ver co tema do libro: o acoso escolar. Descubrimos, desta maneira, o gusto de Andrea Maceiras polos contos de fadas e o conto tradicional como fonte de transmisión cultural e aprendizaxe.

Despois deste marabilloso relato, sucedeuse unha charla amena e distendida na que se falou sobre o mundo editorial, os motivos que levaron á publicación da obra, os primeiros chanzos na historia literaria de Andrea Maceiras, a figura do acosador ou acosadora pasiva etc.

Finalmente, o alumnado puido botar man dos seus libros para que Andrea Maceiras estampase a súa dedicatoria no mesmo e o departamento de lingua e literatura galegas aproveitou tamén para deixar unha dedicatoria desta visita na biblioteca.

Se tes interese por afondar máis na obra ou na biografía de Andrea Maceiras, visita a súa web: https://andreamaceiras.es/gl/

Dedicatoria de Andrea Maceiras

 

Enderezos electrónicos

  • Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
  • ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
  • Coordinación da web: web.feal@gmail.com