VOTACIÓN XORNADA CONTÍNUA CURSO 2021/22

Nestes días recibiuse o informe favorable do Servizo de Transporte Escolar para tramitar a modificación de horario en Educación Infantil e Primaria. Este cambio afectaría ás tardes dos luns e os martes, que desaparecerían do horario lectivo, e os 100 minutos que ata o de agora se impartían eses días (unha sesión de 50 minutos na tarde dos luns e outra na tarde dos martes) distribuiríanse equitativamente nas mañás dos cinco días da semana. Isto é, en lugar de sair polas mañás ás 13.40 h., como agora, o alumnado pasaría a rematar as clases ás 14.00 h e non habería clase ningún día pola tarde. O servizo de comedor manteriase entre as 14.00 e as 14.40 h. e os autobuses sairían a continuación.
Este cambio -que sería efectivo a partir de setembro- require da realización dunha votación entre as familias afectadas, e que voten a favor o 58% do total do censo. Os votos non emitidos contan como negativos e só se pode emitir un único voto por familia. No caso do noso colexio, estarían convocadas 152 familias e requeririanse 89 votos afirmativos.
Por outra banda, esta modificación require da elaboración dun plan específico de actividades extraescolares que faciliten a conciliación cando fose preciso. Tanto o concello como a Anpa estamos a elaborar unha proposta que será consultada coas familias a efectos de coñecer os vosos intereses e necesidades.
Aínda non se coñece a data exacta da votación, que será presencial no colexio, pero calculamos que sería entre finais de marzo ou primeiros de abril. Ábrese agora un periodo no que vos invitamos a preguntar cantas dúbidas teñades, que nos comprometemos a transmitir tanto á dirección do centro como ao concello, de cara a participar neste proceso coa máxima información. Abriremos un apartado de "Preguntas Frecuentes sobre a Xornada Contínua" no que trataremos de aclarar o máximo de cuestións, e compartiremos por aquí as novidades que se vaian producindo.

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer