INFORMACIÓN FOLGA 24/11/2016-CONFEDERACION ANPAS GALEGAS

 

MANIFESTO FOLGA 24 DE NOVEMBRO DE 2016-CONFEDERACION ANPAS GALEGAS

 

Dende o primeiro momento, antes de que a LOMCE fose nin tan sequera un proxecto definitivo de Lei, esta Confederación posicionouse en contra dunha norma que se anunciaba como excluínte, segregadora, confesional e discriminatoria; entendemos xa dende aquela que unha lei educativa non podía facerse sobre a vontade exclusiva dunha formación política, que desprezaba a experiencia dos profesionais das ciencias da educación, e que ignoraba as achegas que deberían apreciarse tanto dos docentes e o alumnado como das familias, que coñecemos e somos quen de diagnosticar boa parte da problemática que sofre o Ensino Público.

 

Segundo o proxecto se foi materializando en definitivo, e xa logo cando se converteu en Lei aprobada polo partido popular, coa postura en contra de todas as demais formacións políticas, e coa oposición na rúa de todas as formacións sociais, confirmamos que tiñamos razón naquela oposición inicial; porque a Lei publicada é unha aposta  claramente definida  por un Ensino Público no que só caben aqueles que personifiquen o modelo aceptado polo mercado neoliberal, botando fóra a todos aqueles individuos que teñen dereito ao apoio da comunidade para compensar o que as circunstancias vitais non lles deron, ben sexan porque son suxeitos de necesidades especiais, e a súa diversidade os fai merecentes dunha atención específica; ou ben porque son membros de familias que non dispoñen dos medios abondos para compensar economicamente o que un Estado voluntariamente ausente lles nega, malia teren dereito como cidadáns.

 

As reválidas, que foi o acertado nome que o pobo puxo dende o primeiro momento ao que un lexislador covarde pretendeu disfrazar como “probas de diagnóstico”, foron a punta de lanza dunha loita que nunca cesou, e Galiza é o lugar onde esa reivindicación foi máis forte e rotunda.

 

As familias nunca quixemos que os nosos fillos e fillas fosen avaliadas outra vez, logo de que o fixeran os seus mestres e mestras, con exames que viñan de fóra, baseados en currículos que viñan de fóra, e con criterios que viñan de fóra; e por iso negámonos unha e outra vez a que tal cousa ocorrera; e esas negacións foron sempre acompañadas da mesma idea: NON QUEREMOS REVÁLIDAS, NON QUEREMOS A LOMCE.

 

Agora, que temos un goberno feble en Madrid, que o partido que aprobou contra todas e todos unha reforma clasista xa non ten a maioría para continuar, agora observamos unha manobra permanente, nos gobernos e nos medios de comunicación, para nos dicir que xa todo se vai amañar, que xa non vai haber reválidas na secundaria, só unha probas de mostraxe, que non vai haber reválidas no bacharelato, só probas de acceso á universidade; e agora é cando retomamos o discurso do principio, cando dicimos en alto e rotundo: AINDA QUE FAGADES O QUE DICIDES, E TEMOS GRANDES RAZÓNS PARA DESCONFIAR DA VOSA PALABRA, NON ABONDA, NON SON AS REVÁLIDAS, É A LOMCE TODA O QUE NON QUEREMOS.

 

Chegaron ata onde están porque nós, as familias, o alumnado, a sociedade en conxunto, fómolos puxando ata onde están, non é o momento de parar, é o momento de continuar, ata derrubar o que pretende discriminarnos,

 

Polas nosas fillas e fillos, por nós mesmas: DERROGUEMOS A LOMCE. NON É A NOSA LEI. NON A QUEREMOS.

 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer