Prezadas familias: A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar as instrucións dirixidas á direccións dos centros educativos de ensino non universitario para que se proceda a realizar a avaliación do alumnado referida ao segundo trimestre: Non serán avaliables as actividades relacionadas cos contidos curriculares realizadas polo alumnado con posterioridade á data de declaración do estado de alarma. A da avaliación do segundo trimestre estará referida, polo tanto, ao traballo desenvolvido dende o inicio do 2º trimestre, no mes de xaneiro, ata o día 13 de marzo. Ante a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19 e elevada á categoría de pandemia internacional pola Organización Mundial da Saúde o 11 de marzo de 2020 non é posible facer uso das vías ordinarias para emitir os boletíns ás familias. Estas terán acceso aos mesmos a través da aplicación abalarMóbil, a finais da vindeira semana . É preciso que todas as familias que aínda non teñan descargada a aplicación abalarMóbil procedan a facelo o antes posible. Trátase dunha aplicación gratuíta da Xunta de Galicia que permite ás familias consultar a información dos seus fillos e fillas a través do teléfono móbil dende calquera lugar, de forma cómoda e rápida. Pódese instalar tanto no teléfono móbil como nunha tablet. A descarga desta aplicación faise dende Apple Store (se o sistema operativo é IOS) ou dende Play Store (se o sistema operativo é Android). Premendo no seguinte enlace poderán acceder a unha guía que lles indicará os pasos a seguir para instalar, dun modo moi sinxelo, a aplicación abalarMóbil, así como coñecer todas as funcionalidades da devandita aplicación. https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/guia-mobil-familias-galego.pdf Grazas, unha vez máis, pola súa colaboración. O equipo directivo
|
|||