Luns 23 de marzo de 2020
Sabemos que estar máis tempo na casa implica, na maioría dos casos, unha maior exposición a medios electrónicos (televisores, móbiles, tablet, etc). Por iso queremos informarvos da programación educativa que diversas canles están poñendo en marcha para colaborar coa aprendizaxe dos nosos alumnos e alumnas.
Dende hoxe RTVE lanza a iniciativa "Aprendemos en casa", dirixido a nenos e nenas de 6 a 16 anos e que podemos ver en Clan e en La 2. Comprenderá contidos relacionados coas seguintes materias: lóxica e matemáticas os luns, ciencias sociais os martes, educación artística e educación física os mércores, linguas os xoves e ciencias naturais os venres.
A organización destes contidos será a seguinte:
Clan emitirá a programación dirixida ao alumnado de 6 a 12 anos: de 9:00 a 10:00 horas público de 6 a 8 anos; de 10:00 a 11:00 horas de 8 a 10 anos; e de 11:00 a 12:00 horas de 10 a 12 anos.
La 2 emitirá a programación dirixida ao alumnado de 12 a 16 anos: de 12:00 a 13:00 horas para público de 12 a 14 anos; e de 13:00 a 14:00 para público de 14 a 16 anos.
Esta iniciativa súmase a outras xa lanzadas na pasada semana como Educlan, canal que conta con máis de 300 vídeos dirixidos a nenos e nenas de entre 4 e 10 anos. A nivel autonómico, a TVG na súa segunda canle tamén emitirá un bloque de programación educativa, de luns a venres na franxa horaria de 11:00 a 13:00 horas.
Con todo, a pesar de recomendar esta programación polo seu contido educativo, seguimos insistindo na importancia de controlar o tempo de exposición dos nenos e nenas ás pantallas, para que cando todo isto remate non lle coste moito volver á normalidade.