Skip to Content

Convivencia

Xornadas de Convivencia do Equipo de Mediación Escolar. Setembro 2017

Os días 6 e 7 de outubro os equipos de Mediación Escolar de primaria e secundaria tivemos unha xornada de convivencia no albergue de Sabucedo na Estrada.

Rodeados dun entorno natural espectacular estivemos traballando e poñéndonos ao día sobre as técnicas de mediación e resolución de conflitos, tamén aproveitamos para coñecernos mellor e coñecer Sabucedo.

 

Foi unha experiencia estupenda e pasámolo moi ben. Premede nas imaxes para ver unhas fotos das xornadas.

           

GRAZAS POR TODO CELINA

               

Os rapaces e rapazas de 6ºA elaboramos este maniquing challenge, inspirado nas diversas actividades que a nosa auxiliar de conversa, Celina, nos ensinou.

Este é o noso regalo de despedida para ela. QUERÉMOSTE MOITO CELINA!!! Bye Bye

Redactoras: Diana e Lucía 6ºA

Saída Teatro " Mr Bullying: todos contra el"

Este luns 27 de marzo o alumnado de 1º da ESO desprazouse a Santiago para ver a obra de teatro: Mr Bullying, ¡todos contra el!

Esta obra da compañía El Replà trata o tema do acoso escolar representando unha situación na que unha alumna chega nova a un instituto onde esperta simpatías con algúns compañeiros e inseguridades con outros, recreando unha situación que se vive nos centros educativos, nos que as bromas deixan de selo, os compañeiros déixanse levar polos comentarios de terceiros e a vida da protagonista vese afectada e prexudicada sen saber moi ben o que está pasando...

A actividade forma parte das actuacións que se desenvolven nas titorías para  reflexionar que é o que leva a uns rapaces e/ou rapazas a exercer a violencia sobre outro/a e poder así, corrixir problemas emocionais e relacionais que poden ter graves consecuencias.

Podedes premer na imaxe para ver algunhas fotos ou visitar a nosa galería de imaxes.

                                      

CONTACONTOS PARA EDUCACIÓN INFANTIL E PRIMEIRO CICLO DE PRIMARIA

O alumnado de Educación Infantil do noso centro e da Unitaria de Arcos de Furcos, xunto cos de primeiro ciclo de Educación Primaria desfrutaron este venres dunha sesión de contacontos moi interesante a cargo da grande contadora de historias Raquel Queizás, ou como ela nos dixo que lle podiamos chamar, Queliña. Os contos que nos trouxo Queliña trataban de achegar a todos os cativos/as e non tan cativos/as a importantísima idea de que Todos e Todas "Somos Iguais" sen ter en conta o noso tamaño, idade, sexo ou raza.

Velaquí algunhas fotos que tiraron as mestras do ben que o pasamos cos Contos de "Somos Iguais", botádelle un ollo porque non só participaron das historias os pequerrechos e pequerrechas, a algunha das mestras tamén lle tocou disfrazarse.   

Grazas ao Concello de Cuntis por ofrecernos a oportunidade de desfrutar

esta sesión de Contacontos para conmemorar o Día da Muller.

O CPI de Cuntis conmemora o 8 de Marzo cun Obradoiro de Graffitti

O alumnado da ESO do noso centro celebrou o Día da Muller cun obradoiro de graffitti en directo da artista NANA, baixo o título "Cóntame outro conto" no Pavillón Municipal de Deportes. A esta actividade acudiron o alcalde de Cuntis Manuel Campos, a concelleira municipal de Igualdade Conchi Campos e a presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva Rego. 

Aquí vos deixamos unhas fotos da actividade e uns enlaces á noticia do día no noso colexio.

                                              

https://www.facebook.com/DeputacionPontevedra/photos/rpp.190296897664686/1574135375947491/?type=3&theater

 http://www.depo.es/web/edepo/-/noticia-a-deputacion-organiza-este-mercores-8-de-marzo-unha-accion-escenica-en-cuntis-no-marco-do-programa-mulleres-en-accion-violencia-zero-

http://www.depo.es/web/edepo/-/noticia-carmela-silva-sublina-no-proxecto-%E2%80%9Cviolencia-zero%E2%80%9D-en-cuntis-que-sen-as-mulleres-o-mundo-parariase

http://www.noticieirogalego.com/2017/03/a-deputacion-de-pontevedra-sumarase-ao-paro-internacional-das-mulleres-o-8-de-marzo/

Día da Non Violencia e da Paz 2017

Un ano máis o alumnado de Educación Infantil e Primaria fixo un grande traballo para conmemorar o Día da Non Violencia e da Paz que se celebra todos os anos cada 30 de Xaneiro. Os alumnos e alumnas do segundo e terceiro ciclo de primaria compuxeron a palabra PAZ nun grande mural de pombiñas que aprenderon a facer co origami e os/as de primeiro ciclo de primaria e Educación Infantil decoraron un símbolo da Paz con diferentes técnicas plásticas. Ademáis destas e outras moitas actividades que se fixeron en cada aula tamén desfrutaron do visionado da película "Del revés" que lles serviu para seguir traballando en cada grupo-clase.

Velaquí podedes ver algunhas fotos do traballo elaborao nestes días en torno á temática da Paz e da Non Violencia.

    

CHARLA SOBRE OS REFUXIADOS DE SIRIA

Este xoves 19 de xaneiro o alumnado da ESO do noso centro tivo a oportunidade de desfrutar dunha das mellores clases dos últimos anos. Primeiro viron o documental "ASTRAL" de laSexta sobre a traxedia humanitaria dos refuxiados que tentan fuxir da guerra e morren no Mediterráneo sen que os gobernos europeos fagan nada.

E despois do vídeo introdutorio tivemos unha charla do veciño de Cuntis e ex-alumno do centro, Pablo Camino, que deixou sen fala e estremecido o alumnado ao contarlles a historia que el mesmo viviu na illa grega de Lesbos axudando a chegar a europa a bebés, nenos e nenas, mulleres e homes coma nós que foxen do horror da guerra.

Premede nas imaxes ou botádelle un ollo á nosa galería de fotos para ver algún dos momentos vividos nesta xornada.

          

Obradoiro Pantallas Amigas

O alumnado de 6º de primaria e 1º,2º e 3º da ESO tivo hoxe unha charla impartida pola psicóloga Arrate Emaldi da Asociación Pantallas Amigas na que lles ensinou como deben protexerse nas redes sociais, en qué consiste a ciberviolencia e sobre todo como actuar ante os casos de ciberviolencia de xénero. A actividade foi promovida polo departamento de orientación e a comisión de convivencia, xa que contribúe na sensibilización  do alumnado contra o acoso escolar. Contamos tamén coa colaboración dos servizos sociais. Agora agardamos que o alumnado poña en práctica todo o aprendido.

Podedes botarlle un ollo ás fotos que sacamos premendo nestas imaxes ou visitando a nosa galería de fotos.

    

Día Universal dos Dereitos da Infancia no CPI de Cuntis.2016

Este ano o alumnado de primaria do noso colexio celebrou dun xeito moi especial o Día dos Dereitos da Infancia. Primeiro traballaron nas aulas durante toda a semana sobre contos e materiais relacionados cos dereitos da infancia, despois fixeron un pasaporte de acollida dun compañeiro/a e con este "pasaporte solidario" tiñan acceso á actividade final desta semana de traballo, o grande concerto do poeta e cantautor cuntiense Manoele de Felisa coa colaboración da nosa mestra de sexto de primaria Conchi Martínez.

Todo este traballo está enmarcado dentro dos Plans Proxecta nos que participa o noso centro e foi posto en marcha dende a Comisión de Convivencia co alumnado de primaria. Aquí podedes ver unhas fotos do concerto premendo nestas imaxes ou visitando a nosa galería de fotos.

          

Distribuir contido


by Dr. Radut