Uso dos teléfonos móbiles e dispositivos electrónicos nos centros educativos
Orde de 4 de xaneiro de 2024 da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades sobre o uso dos teléfonos móbiles e dispositivos electrónicos nos centros educativos, pola que se aproba o protocolo sobre o uso dos teléfonos móbiles e dispositivos electrónicos nos centros docentes de niveis non universitarios sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.
En cumprimento do disposto na Orde 4 de xaneiro de 2024 da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades pola que se aproba o protocolo de uso de teléfonos móbiles e dispositivos electrónicos nos Centros educativos, comunícase que:
A partir do luns, 8 de xaneiro, nos centros docentes de niveis non universitarios, prohíbese a todo o alumnado, con carácter xeral1 , o uso de teléfonos móbiles e outros dispositivos electrónicos como mecanismo de comunicación durante toda a xornada escolar, incluídos os períodos non lectivos (entradas e saídas, tempo de recreo, cafetería e períodos en actividades complementarias á formación) Lembramos que durante os períodos lectivos xa estaba prohibido o uso de teléfonos móbiles. Excepcionalmente, poderá autorizarse a súa utilización como ferramenta pedagóxica, definíndose claramente na aula a forma e condicións de utilización no seu caso. Aplicarase o recollido nas NOF do Centro.
Para dar cumprimento a esta nova normativa, recomendamos non traer o móbil ao Centro. No caso de asistir ao centro con teléfonos móbiles estes deberán permanecer apagados e gardados nas mochilas dende o momento en que se accede ao recinto escolar. En caso de incumprimento tomaranse as medidas correctoras oportunas.
O profesorado está facultado para requirir ao alumnado a entrega de calquera obxecto que porte e que estea expresamente prohibido polas normas do centro, incluído o móbil. O requirimento obriga á alumna ou ao alumno requirido á inmediata entrega do obxecto, que será retido, coas debidas garantías, durante o resto da clase ou xornada, no seu caso. Quedará a disposición da nai ou pai ou da titora ou titor, se a alumna ou alumno que o porta fose menor de idade, ou da propia alumna ou alumno, se fose maior de 18 anos, unha vez rematada a clase ou xornada escolar ou a actividade complementaria, segundo o caso, todo iso sen prexuízo das correccións disciplinarias que puidesen corresponder.
1 Exceptuarase desta restrición o emprego proporcionado e razoable dos dispositivos por cuestións de oportunidade ou necesidade, médicas ou de outra índole, sempre e cando o motivo estea xustificado da maneira que se considere en cada caso atendidas as circunstancias, e así sexa autorizado pola dirección do centro, ou, de non ser isto posible, polo profesorado.