try another color:
try another fontsize: 60% 70% 80% 90%
CEP Xosé Mª Brea Segade
E-mail: cep.brea.segade@edu.xunta.es

Responder ó comentario

Aclaracións

Ante as declaracións do Conselleiro de Cultura e dos representantes da Consellería que se están a publicar en diferentes medios, desde a dirección do centro quixera precisar o seguinte.

 

1º Segundo os datos expostos pola Consellería somos o único centro de primaria que crece no Concello de Rianxo. No curso 2018-2019 tíñamos 90 alumnos e alumnas, sumando na actualidade 115. Polo tanto, 25 nenos máis, polo que, botando as súas contas, as da Consellería, corresponderíanos un titor máis que en 2018.

 

2º Este curso reducíronse dúas horas do horario lectivo de cada mestre. Se somos 11 profesores, a suma e sinxela: 22 horas menos a disposición desta dirección para confeccionar os horarios. Polo tanto, a respecto de 2018 podemos dicir que temos máis alumnado e dous profesores menos.

 

2º Segundo aparece publicado en Diario de Arousa, 25/09/2024, citando fontes da Consellería, a media de alumnos/as por profesor no Brea Segade é de 8,3. Estes números obedecen a un cálculo que vai levar a engano a calquera que non coñeza como funciona un centro. A media debe de ser feita en función dos titores/as e dos grupos que podemos formar. No noso centro temos seis titores/as para 115 nenos/as, polo que a media é de 19,16, sen ter en conta aquelas matrículas que contan dobre, ponderación que nos colocaría por encima de 20. Se quixeramos facer unha media sumando o total dos profesores/as que temos no claustro, que foi o que fixo a Consellería, precisaríamos da axuda dun matemático para realizar o cálculo. Nese caso habería que pór en relación os nenos/as co seu titor/a e os especialistas que entran a darlles clase. Tamén habería que ter en conta que dúas profesoras son itinerantes, e tres só dan clase a algúns dos nenos e nenas, non a totalidade. Así que, para non complicar os cálculos innecesariamente, pediría aos responsables da consellería que dean o dato máis lóxico e ilustrativo da nosa realidade: temos 19 alumnos/as de media por titoría.

 

3º O alumnado de 3º do noso centro está ben atendido grazas ao esforzo do corpo docente e a comprensión das familias. O desdobre está feito sen que a Consellería nos autorizara a crear unha unidade, e isto a pesar de terlles ofrecido por escrito, completar o horario dese grupo coas horas de atención ao centro e de diferentes coordinacións de que dispón o director. O paradoxo é que hoxe funcionamos, a todos os efectos, como dúas titorías coa autorización da Consellería, pero oficialmente non se nos permite crear a unidade.

 

4º Na actualidade somos 26 alumnos/as en 3º, máis un alumno cuxa matrícula conta dobre. O grupo de 3º ten unha densidade inusual de alumnado con necesidades específicas, mais, como director quero reiterar que todo o noso alumnado conta á hora de ser atendido como lle corresponde, independentemente do seu diagnóstico ou das súas necesidades especiais. 

 

5º Finalmente, cremos que a Consellería ten que ser consciente das características especiais do noso centro. Localizado no rural, somos unha comunidade que, como acabamos de ver, non para de crecer. Durante estes anos fomos vítimas dunha situación de precariedade incomprensible, dotándonos dunha Orientadora a tempo parcial só tres días á semana, e unha profesora de Audición e Linguaxe, tamén a tempo parcial, dous días. O absurdo alcanza un nivel tan exaxerado, que o noso Auxiliar de Conversa é partillado cun centro de Porto do Son. Dificilmente a nosa praza pode ser atractiva para alguén que ven desde Estados Unidos ou Filipinas, lugar de orixe da última auxiliar que tivemos, se para ir aos colexios que se lle asigna, ten que cruzar todo o Barbanza. 

 

6ºA pesares de todo o dito, e novamente co esforzo do persoal docente e familias, contamos con dous proxectos dos que fomos pioneiros: Sintaxe, método pedagóxico para aprender gramática, e Máis ca leña, proxecto en colaboración coa Comunidade de Montes de Taragoña. Mesmo con grandes problemas de disposición horaria, o noso centro é xa unha referencia de innovación pedagóxica no noso país.

 

Por último, quero deixar claro que desde o final de curso pasado e durante o transcurso do verán, estivemos solicitando unha entrevista con Xefatura Territorial e Recursos Humanos para expoñer a nosa postura e ofrecer posibles solucións. Ningunha destas solicitudes obtivo resposta. A única persoa que nos atendeu e estivo pendente da nosa problemática foi a Inspectora, a quen, persoalmente, quero agradecer o seu interese, consciente de que non depende dela que se resolvan todos os nosos problemas.

Igualmente quero agradecer aos meus compañeiros e compañeiras de claustro o seu apoio e comprensión, e ás nosas familias, a súa loita exemplar na defensa dos dereitos do noso alumnado e na solidariedade coa problemática do resto das escolas rianxeiras e da Galiza.

 

Por unha Escola Pública de Calidade.

 

José Luís do Pico

Director

Responder