Skip to Content

Vida

Luís Areán

Luís Areán (1965 – 2000) foi un músico lalinense, embaixador do optimismo, creador e realizador de soños e, ante todo, unha das máis grandes persoas que deu este pobo. Os seus amigos definíano como “unha boa persoa que amaba a música, o seu país e que era solidario, tolerante e integrador”.

O seu carisma, paixón e ilusión fixeron del un líder nato, amosando xa dende pequeno as súas inquedanzas culturais, argallando sempre actividades cos rapaces da súa rúa, no instituto e en calquer ámbito no que se movera. Tras deixar os seus estudios de Económicas volcouse na Música convertíndose en pouco tempo nun referente galego. Neste eido destacou como frautista solista da Banda de Lalín, tocando e creando grupos como Dhais ou Froitos do Deza, acompañando nas súas xiras a xente da talla de Emilio Cao ou Nani García, compoñendo e tocando música para obras de teatro e títeres coa compañía Viravolta,...

Pero os seus proxectos ían moito máis alá do que era a música especificamente e convertiuse en impulsor de unha gran cantidade de actividades culturais, asociacións, festivais,... destacando “A Foliada”, a “Algarabía”, a Asociación Cultural “O Naranxo”, a Coordinadora Anti-OTAN de Lalín, a candidatura municipal “CAL”, entre outras moitas. Foi un dos artífices da dinamización cultural da vila de Lalín, sempre capitaneando con esforzo, traballo e ilusión cada unha das aventuras emprendidas.

Tamén desenvolveu unha intensa labor docente tanto no Conservatorio de Lalín, en escolas de jazz ou como estudioso da música tradicional galega, coa que se atopaba especialmente comprometido. Mención aparte merecen dous dos seus máis grandes logros: por un lado a creación da “Escola da Banda de Lalín” da que foi director logo de moito empeño posto para conseguir que comezara a funcionar e que actualmente constitúe a canteira da aclamada Banda de Lalín; e por outro a posta en marcha do “Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín”, primeiro das súas características en Galicia, onde conseguiu un claustro formado por algúns dos máis representativos estudiosos e músicos do folclore galego, como Ugía Pedreira, Benxa Otero, Quim Farinha ou Óscar Fernández. Á súa extensa formación engadíase unha calidade humana excepcional que o definían como un ser capaz de transmitir as emocións máis intensas, acadar o sorriso máis sincero e contaxiar a felicidade máis verdadeira.

Soñador empedernido, traballador incansable, namorado da cultura, mestre da vida e comprometido coa dificil tarefa de loitar por un mundo mellor, a figura de Luís Areán atesoura cualidades que fan e farán por sempre del un referente da cultura galega e especiamente da súa vila: Lalín. E o que é máis importante, esas mesmas cualidades, fan e farán por sempre del un ser moi querido cun lugar destacado no corazón de cantos o coñeceron.

Distribuir contido


by Dr. Radut