Skip to Content

Xeral

Inauguración da Aula Luís Areán (aula de música)

                                             

O CEIP Xesús Golmar inaugurou este venres 15 de xuño a súa aula de música que levará, a partir de agora, o nome de Luís Areán. Preténdese con este recoñecemento ensalzar a figura dun dos referentes musicais e culturais da nosa vila, achegando ás novas e futuras xeracións a súa vida e obra. Con esta homenaxe queremos dar a coñecer o espírito soñador e loitador de Luís, así como o seu optimismo e alegría. Máis alá do que poden ser os seus logros profesionais ou artísticos, que son moitos, valoramos a calidade humana dun ser moi querido tanto en Lalín coma no resto de Galicia.

Con este motivo celebrouse este venres un festival no colexio no que contamos coa presencia da nai de Luís, Carmiña, así como unha das súas irmáns, Carme. Durante o acto, presidido pola familia, o equipo directivo, a concelleira de Cultura e a presidenta da ANPA, interviron varios amigos de Luís como Benxa Otero, que interpretou "O afiador" recollido na última gravación de Dhais; Pablo Doval e Lorena López Cobas tocando "A Xirafa e o Oso" para frauta e tuba; Antonio Taboada con varias pezas para gaita e Celsiño que nos abraiou cos seus contos e coa súa forma de facer poesía da vida. Tamén houbo actuacións por parte dos nenos do colexio no que foi unha sesión presidida pola emoción e a lembranza hacia un dos fillos máis queridos de Lalín. Como remate da festa tódos os músicos e artistas participantes interpretaron o himno do CEIP Xesús Golmar: a "Muiñeira de Neira Vilas".

          

                

       

           

     

Posteriormente a nai de Luís Areán descubriu unha placa no exterior da aula de Música na que figura o nome do seu fillo, así coma un cadro no interior cunha fotografía e a súa biografía, perpetuando así esta sentida homenaxe e posibilitando que ó longo dos anos as nenas e os nenos o sigan descubrindo e coñecendo.

                  

                   

                                                                 

Distribuir contido


by Dr. Radut