Skip to Content

Excursión de 6º. Madrid 2023

Do 7 ao 9 do actual mes de xuño levouse a cabo unha das actividades máis motivadoras e ilusionantes a todos os niveis de cantas se desenvolven na etapa de Primaria: a excursión de fin de curso.
Logo de varios anos sen poder realizala por mor da situación sanitaria derivada da pandemia, a expectación era maiúscula e plantexouse unha viaxe de 3 días a Madrid organizados en 3 bloques diferenciados pola súa esenza. No primeiro deles, baixo o título de “Cidades Patrimonio”, o alumnado descubríu Salamanca e Ávila. Percorreu os centros históricos destas localidades abraiándose coa impoñente arquitectura e os detalles cheos de maxia e historia que xurdían ao seu paso nos recunchos máis insospeitados.
“A cidade dos Austrias” era a denominación baixo a que se botou a andar na segunda xornada. O espectacular e fermosísimo centro de Madrid, noutrora protagonista de paseos de reis e raíñas, acolleu una expedición ilusionada e ansiosa por aprender e conquistar unhas rúas que destilaban un apaixoante arrecendo cultural, histórico e artístico. Nesta mesma xornada aproveitouse para empregar un novo medio de transporte como é o metro e púxose a guinda ao pastel asistintdo ao Teatro Lope de Vega, en plena Gran Vía, para desfrutar do espectáculo “O Rei León”.
Para rematar, o terceiro día fixo honra ao que certeiramente aparecía no programa como “Paixón pola adrenalina”. Entre vertixinosas atraccións e espectáculos sen igual, as horas correron coma nunca no Parque Warner, acelerando un solpor que xa se desfrutou no autobús camiño de Lalín, onde os aventureiros chegaron de madrugada.
A excursión estivo protagonizada polo bo ambiente e unha actitude excepcional que se traducíu en múltiples felicitacións alá por onde se pasou, desde o hotel ao Palacio Real, pasando polos museos, o teatro e mesmo polas rúas onde o bo comportamento chamaba a atención dos transeúntes, habituados aos grandes grupos, pero parece que non tanto a esa conduta exemplar coa que se desprazaban os nosos cativos e as nosas cativas.
As nenas e nenos participantes fixeron das risas e dos sorrisos un xesto perenne na súa faciana, tan intensos que a miúdo contaxiou a propios a estranos alá por onde pasaban. Amosaron gran interese e curiosidade en cada visita e aproveitaron ata a extenuación os momentos máis lúdicos. Agasalláronnos cunha convivencia rebordante de solidariedade e xenerosidade, coidándose uns aos outros e estando pendentes de que todos desfrutaran dunha experiencia para a que tanto traballaron e que tanto mereceron.
Abofé que as rúas da capital chorarán estos días pola falta da ledicia e o brillo dos seus corazóns bos e xenerosos!

Un saúdo.

Premer na imaxe para ver máis fotos

 

 



page | by Dr. Radut