Skip to Content

Día de Neira Vilas

Sito na travesía Memorias dun neno labrego e flanqueado pola rúa que recibe o mesmo nome, o CEIP Xesús Golmar vive unha conexión moi especial con Xosé Neira Vilas, cuxa biblioteca foi bautizada na honra do autor de Gres. 

 

Corría abril do 2012 cando Pepe Neira Vilas, paseniñamente polos corredores do centro onde o alumnado o recibía lendo e amosando fragmentos das súas obras máis sobranceiras, descubría a placa da biblioteca co seu nomeAo vela non podía agochar un sorriso profundo e sincero ao tempo que lembraba “Teño unha rúa aquí, unha estatua alí na praza e agora unha biblioteca… Este barrio é todo meu!”. E aínda por riba ese mesmo día estreouse a Muiñeira de Neira Vilas, composta especialmente para a ocasión. 

 

É por iso que non podiamos deixar pasar unha oportunidade tan fermosa coma o seu cumpreanos, coma o Día de Neira Vilas, para lembrar, descubrir e afondar na vida e obra dunha persoa que marcou a historia das letras galegas. 

 

Na última semana levamos a cabo diversas actividades en torno á súa figura. Nas distintas aulas foise repasando a súa traxectoria facendo especial fincapé nos seus anos na emigración e na volta a Galicia onde xunto á súa inseparable Anisia Miranda se fixo cargo da Fundación que leva o seu nome dinamizando desde o rural a literatura galega e achegándoa a todo o mundo. 

 

Ademais fixéronse lecturas dalgunha das súas obras máis representativas, especialmente Memorias dun neno labrego e visualizamos o documental “O espantallo amigo”. Precisamente ambientado neste conto decorouse a entrada do centro cunha gran árbore sobre a que o espantallo amigo dos paxaros e do resto de animais desfruta coas entradas e saídas dos máis cativos.

 

Nese mesmo espazo contamos cunha exposición da obra completa de Xosé Neira Vilas, atopándose algún exemplar de gran valor ao estar asinado polo autor e mesmo sendo agasallados á biblioteca do centro por el mesmo. 

 

achegamento á vida e obra de Neira Vilas levouse a cabo en todos os niveis educativos e dun xeito interdisciplinar para posibilitar afondar no seu coñecemento a través de todas as materias e empregando os máis variopintos recursos.

 



page | by Dr. Radut