Este curso o alumnado do noso centro fai un estudo das figuras máis representativas do Entroido da provincia de Pontevedra.
XENERAIS DA ULLA
A comarca natural da Ulla posúe un orixinal entroido rural do que temos testemuños dende mediados do século XIX.
Os personaxes máis importantes son os xenerais e correos a cabalo, que percorren as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun “exército” de abandeirados, coros, comparsas e parrandas.
Rematan escenificando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón, acontecidos durante o ano.
Dunha parroquia a outra o Entroido da Ulla presenta pequenas diferenzas, mantendo cada un deles trazos definitorios que os fan únicos.
Xenerais e correos engalanados conforman a espectacularidade desta auténtica expresión do entroido tradicional galego.
MADAMA DE COBRES VILABOA
As orixes do Entroido desta parroquia situada na ría de Vigo remóntanse ata o século XVIII. Aquí, madamas e galáns (mulleres e homes vestidos de branco) e aldeáns representan distintas posicións económicas e roles sociais, tanto mediante as súas vestimentas como pola posición que ocupan nos pases, bailes e exhibicións. Madamas e galáns, moi rechamantes polos seus suntuosos sombreiros e a súa pulcra vestimenta, ocupan a posición social máis elevada, mentres que os aldeáns representan o último elo da cadea e o grupo maioritario. Todos, iso si, van neste Entroido a cara descuberta.
De sábado a martes, durante todo o día as madamas e galáns percorren distintos lugares das parroquias de Santa Cristina e Santo Adrán, acompañados por unha charanga, e agasallan aos presentes cos seus bailes, entre eles a popular Danza dos Cobres.
O día grande é o martes, cando pola tarde teñen lugar antigos xogos populares, como o da “corrida do galo” –con rituais cargados de simbolismo–, o “galo no río” ou o “galo na vara”, nos que participa toda a mocidade do lugar.
CACHARELOS DE LALÍN
Teñen o seu orixe no barrio da Cacharela en Lalín son quizais a figura de Entroido máis recente, xa que se comezaron a elaborar tan só fai seis anos.
A súa creación fai honra ao nome do barrio representando o seu traxe, coas cores vermella, amarela e negra, as chamas dunha cacharela.
A careta ten a súa orixe nos cadros de Laxeiro, concretamente no MASCARÓN, debendo ser elaborada individualmente para cada Cacharelo.
A nosa noraboa por esta iniciativa á que lle desexamos longa vida e mellor fortuna, agardando que sexa dentro de pouco unha referencia no Entroido de Galicia