Para os alumnos

 

Estimadas familias:

O claustro de profesores do colexio Sobreira queremos compartir convosco unha pequena reflexión acerca das condicións de traballo que afrontan os alumnos durante esta etapa de confinamento a causa da pandemia do Covid19.

En primeiro lugar dicirvos que non todo o que se aprende no cole está nos libro nin nos cadernos; a escola é un lugar de intercambio onde un grupo amplo de persoas de diferentes idades convivimos e aprendemos unhas das outras. Existe un currículo, un conxunto de contidos agrupados por materias e niveis para formar e ensinar ao alumnado, e logo estamos nós, os alumnos, os profes e as familias. Cada quen coa súa historia, a súa personalidade, o seu ritmo, as súas fortezas e as súas dificultades, os rapaces tamén, ás veces están tristes ou disgustados, sintense inútiles ante un problema de mates, unha redacción que se atasca, un debuxo que non sae.

Nestes dous meses encerrados na casa, con mamá e papá no mellor dos casos, sen poder estar cos avós, cos primos, cos padriños, cos colegas do cole, fixeron un enorme esforzo por seguir as clases a distancia a través da tablet, do teléfono, do ordenador e das fichas baixadas da web. É hora de volver a pensar neles e non no currículo, de darlle importancia ao seu benestar físico e anímico e non aos contidos. Agora mesmo os vosos/nosos nen@s necesitan sol, paseos, xogos e risas ao ar libre.

Os adultos, particularmente os mestres, temos que pensar e artellar unha maneira de afrontar o vindeiro curso para que esta situación non lles pase factura nin intelectual nin animicamente. Pero non pensedes que a nosa prioridade en Setembro ( esperemos que sexa en setembro) van ser as matemáticas nin a ortografía. A nosa prioridade como docentes vai ser que se sintan acollidos, esperados, valorados e seguros, a partir de ahi voltaremos ás divisións, ás restas levando, aos adxectivos, aos ríos e as provincias.

Por todo isto queremos enviarlles o noso apoio e a nosa felicitación polo esforzo realizado, esta vez especialmente a eles, aos protagonistas da educación: os alumnos.

 

Noraboa e a seguir así de ben!

 

Profes do colexio Sobreira.