Skip to Content

SEMANA 2: DÍA 4

Estimadas familias, 

 

cremos que tedes xa demasiadas propostas de actividades no blog e moitas delas son para poder facelas en varios días, se vos apetece. Queremos transmitirvos a importancia de que vos tomedes con calma este tempo na casa e que para nada sintades que pretendemos que debedes substituir o noso traballo. Por sorte….ser mestras é moito máis que propor unha serie de actividades. Ser mestra implica, entre outras moitas cousas, estar presente no proceso de ensino-aprendizaxe e conseguir adaptalo ás circunstancias de cada neno e nena e a como está en cada momento. As actividades son solo un medio para conseguilo. 

 

É evidente que a escola é importante, é evidente que a aprendizaxe e o conseguir que cada neno e nena saquen o mellor de si é o obxectivo que nós temos cada día na escola. Cremos firmemente que a escola é un dos espazos máis importantes que temos na sociedade. Pero tamén cremos que, nestes momentos, o obxectivo fundamental é aprender a protexernos, coidarnos e a convivir nunhas circunstancias extremas e para as que ninguén nos preparou. As persoas adultas temos un reto importante agora por diante. E o máis importante é que aprendamos a pasar por isto da mellor forma posible. Temos claro que esa, xunto coa de aprender a gozar das cousas que realmente importan da vida, é a mellor aprendizaxe que podemos ofrecerlles aos nosos nenos e nenas. 

 

Á volta teremos tempo para traballar xuntos, para volver a poñer o currículo e a escola no seu lugar. Teremos tempo para volver a construír, convivir e aprender nese contexto. 

 

Por iso, queremos transmitirvos unha mensaxe de calma. Gozade todo o que poidades coas propostas que vos facemos, igual ca nós o facemos cando vemos as fotos que nos enviades con todas as actividades que vós estades inventado. 

 

Por iso hoxe só queremos compartir con vós algunhas desas fotos que nos mandáchedes dos Amorodos e Millos. 

 

Mañá, faremos máis propostas, pero sempre para que volas tomedes dende esta perspectiva e para seguir tendo unha conexión entre nós. Isto pasará e poderemos volver á rutina da vida real con todas as aprendizaxes que esta experiencia nos traia. 

 

Unha aperta enorme!

 



page | by Dr. Radut