Emalcsa vén de comunicar os gañadores do concurso de vídeo “Valoremos a auga” posto en marcha na Coruña e a comarca para crear unha corrente de opinión e debate público sobre o valor que as persoas outorgan a auga e destacar todos o seus usos e a necesaria implicación social para facelos sostibles.
Tras reunirse o xurado, o vídeo gañador foi o presentado polo grupo de 5º B de Educación Primaria do CEIP Raquel Camacho que, coordinados pola súa titora Ángeles Roca, presentaron unha creación na que o propio alumnado falaba dos distintos usos que tiña a auga e a súa relevancia para a vida. De feito, o xurado outorgoulle a máxima puntuación pola “importante participación e preparación das mensaxes cun esforzo por facelo atractivo para a xente”.
Ademais de 500 euros de premio para o centro escolar, todos os participantes recibirán un diploma acreditativo, un agasallo e a posibilidade de facer unha visita guiada aos principais espazos relacionados co subministro de auga na comarca.