POR QUE É IMPORTANTE O CONSELLO ESCOLAR?
...a responsabilidade do éxito escolar de todo o alumnado non só recae sobre o esforzo do alumnado individualmente considerado, senón tamén sobre o das súas familias, o profesorado, os centros docentes, as administracións educativas e, en última instancia, sobre a implicación da sociedade no seu conxunto.
Achéganse as eleccións ao Consello escolar e seguramente queres coñecer algo máis do órgano por excelencia da participación da comunicade educativa. Por iso, ímosche ofrecer tres pinceladas informativas sobre el. Imos aló!
UNHA
Que é o Consello escolar?
Se lle botas un ollo á sección O CENTRO desta páxina, verás que alí hai un apartado chamado Organigrama. Nel amosamos a organización interna do noso colexio. Mira:
Fíxate nos órganos de goberno. Un deles é o Claustro do profesorado, que está formado (como podes imaxinar) por todas as mestras e mestres do colexio. Pero o que nos interesa atópase no lado esquerdo do Claustro neste mapa conceptual. En efecto, o Consello escolar.
O Consello escolar é o órgano a través do cal participan na súa xestión os distintos membros da comunidade escolar: profesorado, familias, persoal non docente e o concello.
DÚAS
Por quen está formado o Consello escolar?
Dependendo do tamaño do centro, existen diferentes composicións, mais no noso está formado por:
- a directora,
- a xefa de estudos,
- a secretaria (con voz pero sen voto),
- un ou unha representante municipal,
- un ou unha representante do persoal non docente (PAS),
- 5 representantes das mestras e mestres,
- e 5 representantes das nais e pais.
E TRES
Para que serve o Consello escolar?
O Consello escolar asume moitísimas funcións pero, para non abrumar, imos destacar tres das máis importantes:
- aprobar e avaliar os proxectos e as normas do colexio;
- participar na selección do director ou directora;
- ou fixar os criterios de colaboración con outros centros, entidades ou organismos.
Ademais, dentro do Consello escolar tamén se atopa:
- a Comisión económica (que, por exemplo, revisa a xustificación dos gastos de funcionamento do colexio)
- ou a Comisión de convivencia (que adopta as medidas preventivas necesarias para garantir o cumprimento das normas de convivencia).