Skip to Content

Fase Provincial de campo a través. Narón, 06-03-2016

O pasado domingo, 6 de marzo, ás 14:15h saímos da Serra: unha nena da categoría benxamín feminina, que competiría como individual, os seis mellor clasificados da categoría benxamín masculina (campións na fase intercomarcal), un neno da categoría alevín masculina que, como a nena, tamén competiría como individual e dúas profes. Pero, ademais acompañáronnos boa parte dos pais, nais e irmáns dos corredores e da corredora que nos representarían en Narón, na fase provincial de campo a través, como xa fixeran noutras ocasións, sin importarlles que se tratase dunha desapacible tarde de domingo.

Sobre as 15:45h chegamos a Narón, onde comprobamos que o lugar no que se ían levar a cabo as distintas carreiras de competición estaba completamente encharcado... Pouco despois era unha auténtica lameira. Ademais, o espazo cuberto no que poder resgardarse da chuvia era mínimo, non había aseos, ... e na nosa nena e nalgún dos nenos afloraban os nervos. Tanto era así que, nalgún intre, ben pensei que algún non sairía a competir. Porén, tras falar con eles/a e explicarlles, que só o feito de teren chegado alí era todo un éxito e que para nós sempre serían os/a mellores, fosen cales fosen os resultados acadados, decidiron competir.

Pouco despois, foron levándose a cabo as distintas carreiras. A nosa/os nena/nenos foron chegando á meta e, aínda que o fixeron coa lama deica ás orellas (e non de forma metafórica), desempeñaron un gran papel. Así, o equipo benxamín masculino logrou un meritorio e ben merecido cuarto posto, quedando por diante de moitos dos clubs de atletismo de renome e moitos anos de experiencia de toda a provincia. Faltoulles moi pouquiño para repetir o bronce da tempada anterior.

Parabéns polo voso esforzo e ilusión: Noa, Manel, Brais, Pedro, Sergio, Eloy, Javier e Hugo e, por suposto, tamén aos /ás que quedaron no camiño en fases anteriores, a pesares do seu esforzo tratando de facelo o mellor posible.

Tamén queremos agradecerlles ás familias o seu apoio unha vez máis.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 



page | by Dr. Radut