O pasado venres, 20 de outubro, participamos na presentación do último libro de Geronimo Stilton "Séptimo Viaje al Reino de la Fantasía" que tivo lugar na biblioteca Nobel Internacional de Ourense. Geronimo mandounos recordos para todos os lectores da biblioteca do CEIP Nosa Sra de Xuvencos e dedicounos a portada dun dos exemplares que mercamos para o cole...
O 23 de outubro celebramos o Día Internacional das Bibliotecas. No colexio realizamos varias actividades, que estivemos preparando ao longo durante toda a semana, entre as que destacan:
Representación do conto de medo "O fantasma burlón" no teatro de guiñol, para ir introducindo a semana do Samaín.
Presentación do novo traballo colaborativo que realizaremos entre toda a comunidade educativa e que consistirá na elaboración dun libro de contos sobre Xuve que unha vez rematado pasará a engrosar os fondos da biblioteca.
Este curso temos o privilexio, xunto a outros poucos centros de Galiza, de ter sido escollidos para participar dentro dun programa que ten como fin a utilización do teatrillo xaponés "kamishibai" que propicia, á vez, a escritura e a expresión plástica, entre outras habilidades, fomentando, asemade, o traballo colaborativo entre o alumnado e profesorado.
O motivo principal da elección do noso centro foi a alta valoración que ten o funcionamento da nosa biblioteca escolar dentro de todas as que pertencemos ao PLAMBE.
Xa estamos desexando experimentar con el...
Nestas ligazóns atoparedes máis información sobre esta técnica.
O mércores 19 de xuño realizamos o Festival de Fin de Curso, no salón de actos do noso colexio, ante a presenza dos nosos familiares e amigos. Cada vez é maior a participación da nosa comunidade educativa neste evento, quedándose pequeno o salón para acoller a asistencia de tanto público, a pesar de que a hora de celebración non é a máis idonea para poder asistir a el.
O programa de actuacións foi o que sigue a continuación, se premedes enriba da actuación poderedes ver o vídeo da mesma:
Entrega do libro á filla de Antón Losada, Mercedes
O día 9 de maio participamos na entrega dos Premios Antón Losada que este ano recaeron en dous escritores de recoñecido prestixio: Agustín Fdez Paz pola obra "Non hai noite tan longa" e Xesús Alonso Montero pola biografía de "Aníbal Otero"
O alumnado do noso centro fixo entrega dun libro/caderno á filla de Antón Losada que elaboramos cos mellores traballos realizados por eles ao longo do terceiro trimestre, dentro do proxecto documental sobre a vida e obra de Antón Losada Diéguez, que coordinou o equipo de biblioteca e o EDL do colexio.
No acto, ademais dos premiados, estiveron presentes os Alcaldes de Boborás e o Carballiño, acompañados dos Concelleiros de Cultura. Asemade, presidiu a entrega de premios o Conselleiro de Educación e Cultura da Xunta de Galiza.
Foi un acto moi importante para nós, xa que non hai nada máis confortable que dous ilustres escritores, e o mesmo Conselleiro de educación, te feliciten polo traballo realizado.
Desde aquí, queremos dar os nosos parabéns aos escritores premiados, sen esquecernos dos organizadores do evento, especialmente da Tenente Alcalde, pola súa implicación neste acto en prol da cultura galega.
O alumnado de 3º ciclo realizou a webquest que elaborou o EDL do centro e como traballo final elaborou o seguinte cartaz para publicitar o Día das Letras Galegas no noso centro.
Durante os meses de abril e maio participamos nuha campaña de promoción do consumo de peixe fresco no interior de Galicia, que se desenvolverá no noso centro nun total de 9 días, onde os menús se complementarán con algunha variedade de peixe fresco: pescada, troitas, mexilóns...
Para presentar o programa tivemos a representación dunha obra de teatro na que os alumnos e alumnas participamos activamente e onde íamos aprendendo os diferentes procesos que segue o peixe desde que é pescado ata que chega aos nosos pratos.
Desde o regreso de Semana Santa estamos a realizar actividades en relación a celebración do Día do Libro.
As máis destacadas son:
Obradoiro de banda deseñada que estamos a realizar en todos os ciclos e niveis e que ten como actividade final a realización dun cómic para presentar ao concurso que se convocou desde o Equipo de biblioteca en colaboración co EDL do centro.
Elaboración dun libro de banda deseñada con todos os traballos presentados que pasará a engrosar os fondos da biblioteca.
Representación no salón de actos do cole da obra de teatro"O mundo sabe a mar", en colaboración coa Consellería de Pesca.
Un contacontos realizados polo alumnado de segundo ciclo para os alumnos máis cativos do cole: "Os trotamúsico".
Entrega dos premios aos mellores lectores deste cuatrimestre.
Elaboración dun gran cartaz na entrada do centro sobre o Día do Libro no que representaremos a imaxe desta nova que elaboraron o equipo de biblioteca, Equipo TIC e EDL, en coordinación.
Visionado no salón de actos dos seguintes vídeos en galego, inglés e español para reflexionar sobre a importancia que lle damos aos libros e lectura: