No ano 2009, creouse a Reserva da “Ría de Cedeira”, como unha medida de axuda para fomentar a protección do ambiente e dos recursos naturais.
Actualmente, na costa de Galicia, existen dúas Reservas Mariñas de Interese, a de Cedeira é unha delas.
Unha das finalidades de crear a Reserva de Cedeira, e así se indica no Decreto 28/2009 do 29 de xaneiro, é a seguinte:
c) Conservar e protexer a flora e a fauna do medio mariño e a súa diversidade
Así pois, facer referencia ao areal de Cedeira é obrigatorio. A Reserva mariña da Ría de Cedeira é unha maneira de preservar os recursos e os hábitats; hai evidencias científicas que amosan que este tipo de áreas mariñas protexidas son poderosas ferramentas para a conservación da diversidade biolóxica.
Que Cedeira sexa unha Reserva mariña implica moitas cousas, unhas referidas á pesca, outras ao marisqueo, pero o máis importante é que con carácter xeral dentro da reserva mariña queda prohibida a extracción de fauna e flora. Por tanto, xa sabedes, amigos e amigas: nunca hai que coller nada da praia, e xa non só porque esté prohibido, senón por aquilo no que insistimos tanto que é respectar o medio que nos rodea.
Na praia podemos atopar cousas lindísimas: berberechos, cangrexos, xebras de moitos tipos, esqueletos de ourizos de area, cunchas fraxilísimas…
Aquí van algunhas delas:
Berberechos
Seguramente se levantades un pouquiño de area cando baixa a marea poderedes atopar berberechos, que se abren para alimentarse. O que vai na foto é un carneirolo, tamén lle chaman berberecho bravo.
Ardecasas
Adoitan estar metidos polo medio das rochas da praia. Na praia da Arealonga hai moitos, pero ollo... TRABAN!
Cangrexo ermitaño
Se ides á praia da Arealonga poderedes ver como a marea arrastra numerosos caracoliños que gardan dentro un cangrexiño. O cangrexo ermitaño vai mudando de casa conforme vai medrando. Esta podería ser a cuncha dun deles:
Xebra
Hai días que parece que o mar fora unha ensalada de mil cores, hai xebras verdes, xebras marróns... As que aquí aparecen chámanse marmulos. Seguramente xogastes máis dunha vez a estoupar as boliñas de aire.
Amigos e amigas, xa sabedes… as beiras da marea son lugares preciosos que temos que conservar.
Por iso, propoñemos facer un cartel para que toda a xente saiba que a Ría de Cedeira é unha reserva mariña.
Nese cartel ten que ir o título:
Ría de Cedeira, Reserva Mariña
E cada un de vós escribirá algo importante referido á reserva.
Aquí vai o noso:
Esta actividade didáctica realízase en colaboración co Museo Mares de Cedeira, así que cando teñades feito o cartel, facédeslle unha foto e enviádela ao seguinte correo: maresdecedeira@gmail.com
Xa podedes ver algunhas creacións no facebook do museo.
O museo do mar, berce de reservistas, será a caixa de resonancia que impulse as nosas voces e envíe a nosa mensaxe de defensa medioambiental.
Fotografías: Rafael López Loureiro