Actividade de Xosé Antón Cascudo centrada no Día das Letras Galegas do 2014, dedicado a Xosé María Díaz Castro.
Esta actividade consiste na proxección e posterior debate sobre o documental O instante eterno, un proxecto que botou a andar hai case tres anos co propósito de divulgar a figura do autor de Nimbos e que se estreará coincidindo co centenario do seu nacemento, o próximo 19 de febreiro do 2014. Ademais disto O instante eterno formará parte da exposición itinerante que Galaxia realizará sobre o poeta.
O instante eterno artéllase arredor da idea de que Díaz Castro era (e segue sendo) un descoñecido, incluso para os seus propios veciños. Partindo do arquivo textual e fotográfico do poeta trátase de explorar o seu proceso de creación artística e desvelar algún dos enigmas biográficos que sobre el aínda permanecen ocultos.
O instante eterno tamén pretende amosar os trazos antropolóxicos, demográficos e sociais do tempo no que viviu Díaz Castro, e que con tanta intensidade latexan en Nimbos. O obxectivo é analizar un mundo, o da Galicia interior, que se atopa en vías de extinción, pero que forma parte indisoluble da nosa identidade cultural.