Día 9 - Cine no Cgai para alumnos de E.I. de 5 anos
Tonari no Totoro / MI VECINO TOTORO (Xapón, 1988) Dirección e guión: Hayao Miyazaki. Producción: Ghibli. Fotografía: Hisao Shirai. Dur.: 86'. Mei e Satsuki son dúas irmás que se mudan co pai a viviren a unha cabana no campo. Un día, por casualidade, a máis nova descobre a existencia dos totoros: espíritos gardiáns do bosque que soamente os nenos de corazón puro son capaces de ver. Xunto a estas entrañables criaturas e o gatobús, Mei e mais a irmá descubrirán o verdadeiro valor da amizade, do amor e da familia nunha marabillosa e inesquecible aventura que as levará alén da súa imaxinación. Terceira película de Hayao Miyazaki realizada no estudio Ghibli que se estreou en 1988 en Xapón e axiña se converteu nun auténtico fenómeno cultural. Considerada pola crítica como obra mestra é frecuente atopala encabezando as listaxes das mellores películas de animación. En Mi vecino Totoro podemos atopar xa varios dos temas sobre os que Miyazaki volverá unha e outra vez en películas posteriores xa programadas nesta sección: o valor da infancia e da inocencia e a importancia da harmonía coa natureza, sempre baixo o prisma da imaxinación e a fantasía. |