OBRADOIRO DE HABILIDADES DA VIDA DIARIA
Continuamos co “PROGRAMA DE HABILIDADES DA VIDA DIARIA “, que comezamos nos cursos anteriores.
Con este OBRADOIRO pretendemos acadar os seguintes obxectivos xerais:
- Adquirir habilidades relacionadas coa hixiene, aparencia externa e saúde persoal.
- Mellorar a autonomía persoal no coidado da roupa e organización da mesma. Limpeza e orde no fogar.
- Aprender a reaccionar ante as situacións de perigo que se poidan producir no fogar e no centro.
- Manexar o diñeiro correctamente e saber planificar gastos e ingresos.
- Desenvolver as condutas necesarias para comer e beber correctamente.
- Adquirir, recuperar e/ou manter as habilidades sociais necesarias para resolver os problemas da vida cotiá.
- Aprender a desfrutar do tempo libre, tanto en actividades individuais (ler, escoitar música, xogos didácticos, traballos manuais, etc.), como en grupo (pasear ou ver unha película con algún compañeiro, etc.)
OBXECTIVOS DAS SESIÓNS
HIXIENE E SAÚDE PERSOAL
Sesión 1: BENEFICIOS DUNHA DUCHA DIARIA.
a) Regular a temperatura da auga.
b) Lavar as axilas e empregar o desodorizante.
c) Lavarse e secarse o pelo.
d) Peitearse e/ou arranxarse o pelo.
Sesión 2: O COIDADO E A HIXIENE DO CORPO.
a) Coidar e manter limpos os seus dentes: Hixiene dental.
b) Coidar e manter limpas as súas mans.
c) Coidar e manter limpas as súas uñas.
d) Coidar e manter limpos os seus pés.
e) Soarse e limparse ben o nariz.
f) Afeitarse ben.
COIDADO PERSOAL
Sesión 3: A ROUPA E O CALZADO QUE NECESITAMOS.
a) Lavar a roupa a man.
b) Lavar a roupa na lavadora.
c) Pasar o ferro á roupa.
d) Limpar os zapatos.
HABILIDADES DOMÉSTICAS
Sesión 4: LIMPEZA DOS CUARTOS, SALÓN E BAÑO
a) Facer a súa cama.
b) Limpar o baño.
c) Ordenar e limpar axeitadamente as diferentes dependencias do fogar.
Sesión 5: LIMPEZA DA COCIÑA
a) Fregar os utensilios de cociña.
b) Empregar a lavalouza.
c) Recoller os útiles de cociña.
d) Varrer e fregar o chan da cociña.
PREVENCIÓN DE RISCOS NO FOGAR
Sesión 6: IDENTIFICAR OS PRODUTOS TÓXICOS E INFLAMABLES DO FOGAR.
Sesión 7: APRENDER A REACCIONAR ANTE ALGÚNS ACCIDENTES DOMÉSTICOS.
a) Actuar axeitadamente ante un escape de gas.
b) Reaccionar correctamente ante un escape de auga.
c) Reaccionar axeitadamente ante incendios no fogar.
EMPREGO DE MOEDAS E BILLETES. PLANIFICACIÓN DE GASTOS E INGRESOS
Sesión 8: EMPREGA CORRECTAMENTE AS MOEDAS E BILLETES DE EURO.
Sesión 9: AFORRA E PLANIFICA INGRESOS E GASTOS
AUTONOMÍA NA ALIMENTACIÓN: COMPRA E CONSERVA ALIMENTOS.
Sesión 10: APRENDER A FACER UNHA BOA COMPRA.
Sesión 11: APRENDER A CONSERVAR AXEITADAMENTE OS ALIMENTOS.
PLANEA E PREPARA ALIMENTOS E COMIDAS.
Sesión 12: DIETA EQUILIBRADA.
DESENVOLVE OS HÁBITOS NECESARIOS DE CONDUTA DURANTE AS COMIDAS:
Sesión 13: POÑER A MESA.
Sesión 14: APRENDE A COMPORTARTE CORRECTAMENTE DURANTE AS COMIDAS.
Sesión 15: COÑECE E EMPREGA CORRECTAMENTE OS MEDIOS DE TRANSPORTE,
a) Identificar e saber utilizar as paradas e diferentes liñas de autobuses urbanos, combinándoas, se fose necesario.
COÑECEMENTO E EMPREGO DO TEMPO LIBRE E DE LECER.
Sesión 16 e Sesión 17: COÑECE E EMPREGA AXEITADAMENTE O TEU TEMPO LIBRE.
Lecer terapéutico: Participar nas actividades de ocio organizadas por outros servizos alleos ao Centro (ex. actividades programadas polas asociacións, etc.).
Lecer persoal: Planificar de forma individual o seu tempo libre, fixándose OBXECTIVOS e cumpríndoos.
Lecer físico: Valorar a importancia do exercicio físico e realizar actividades físicas ou deporte durante o seu tempo libre.
Lecer mental:
- Realizar tarefas mentais no seu tempo libre (ex. lectura dun libro; facer cálculos de ingresos e gastos, etc.).
- Coñecemento e emprego dos medios de comunicación social: prensa, radio e televisión.
- Participar nas actividades de lecer que ofrece a comunidade (concertos, exposicións culturais, cine, etc.).
- Coñecer o funcionamento das bibliotecas e outros centros de lecer e tempo libre, localizando os máis próximos e empregando os servizos que prestan algún deles.
METODOLOXÍA
Tendo en conta as características dos nosos alumnos, as sesións levaranse a cabo, fundamentalmente, no grupo clase, para acadar distintos aspectos, que nun gran grupo non os alcanzariamos. Deste xeito, estamos a favorecer a aprendizaxe cooperativa, reforzando as condutas positivas, tanto polos profesores coma polos seus compañeiros, aos cales temos que incitalos a recoñecer un traballo ben feito. Así, acadamos que os suxeitos reciban estímulos positivos dos seus propios compañeiros, reforzándolles aínda máis esas condutas e mesmo motivándoos.
Ao final de cada un dos temas que conforman cada área de contidos, aparecen as actividades deseñadas para alcanzar cada un dos OBXECTIVOS específicos enumerados. O titor-a en función das características do grupo, deberá seleccionar aqueles contidos que considere máis relevantes. O titor-a poderá engadir a este resumo outros aspectos relacionados co tema e que considere importante abordar. Na guía do titor-a desenvólvese máis cada un dos temas, tendo en conta tanto as características de cada un dos grupos, coma as de cada un dos seus membros.
En cada unha das sesións propoñerase un listado de actividades de grupo e individuais. O titor-a deberá seleccionar aquelas que lle parezan oportunas, tendo en conta as características do grupo e de cada un dos seus membros, a duración de cada sesión, as instalacións e os recursos materiais dispoñibles para a súa realización.
É moi importante que se deixe claro que as actividades individuais e os datos que se empreguen ou describan, serán de uso exclusivamente persoal; con isto preténdese que o alumno, ante a posible incomodidade á hora de describir unha situación "moi persoal", teña a suficiente liberdade, explícita e implícita, para realizar a actividade e analizar os datos sen falsealos, posibilitando unha análise o máis próximo á realidade, que é do que se trata.
Xunto a isto, a aclaración de certos termos que puidesen resultar descoñecidos ou ambiguos, así como encadrar a actividade dentro do proceso global de análise e descubrimento dun mesmo e das súas posibilidades e limitacións, completarán a actividade a desenvolver polo titor-a.
A metodoloxía caracterizarase, principalmente por ser activa e individual, e atenderá ás necesidades de cada alumno. Que cada un dos alumnos teña o seu propio caderno de traballo, facilitará a tarefa do titor-a e ademais, permitirá que o alumno adquira unha maior autonomía, na medida das súas posibilidades, xa que pouco a pouco será el quen leve a cabo as actividades sen a axuda e supervisión do titor-a.
O grao de dificultade das actividades irá en aumento e requirirá en menor medida a participación do titor-a. As intervencións dos titores-as nas primeiras actividades de cada tema, serán maiores.
En principio, o titor-a debe prestar un nivel de asistencia que permita realizar ao alumno interaccións apropiadas cos materiais da tarefa. Cando se vexa que o alumno adquire a conduta obxectivo, irán diminuíndo as devanditas intervencións, xa que o que se persegue é que fagan emprego dela con independencia funcional. Por iso, o reforzo que temporalmente foron recibindo, irá esvaecéndose gradualmente, ata que vaian pouco a pouco adquirindo independencia na tarefa. Os reforzos positivos a unha conduta ou resposta deben ser continuos e inmediatos. Máis tarde, para manter a conduta, o reforzo debe ser intermitente ata chegar á súa desaparición. Este reforzo debe axeitarse ás características persoais dos alumnos e á situación.
Os tipos de intervencións que deben empregarse:
Verbais: mediante explicacións.
Xestuais: apoiando as explicacións con xestos e movementos.
Físicas: a través de habilidades que impliquen destrezas motoras.
Preguntas: facéndoas a cada un dependendo da dificultade desta, e sabendo que nola van responder correctamente. Só así ofrecerémoslles un estímulo positivo.
RECURSOS
- Recursos persoais (Titor-a, Orientador-a, alumnos, ...): son os máis importantes xa que o que pretendemos é desenvolver todas as potencialidades posibles dos alumnos, de xeito que temos que aproveitar e empregar o noso corpo, a linguaxe verbal e non verbal, etc., de tal maneira que deamos moito maior senso ao que dicimos e que nos convertamos en modelos a imitar nas distintas situacións e lugares nos que deban poñer en marcha estas habilidades da vida diaria. O titor-a desenvolverá un papel activo, orientador e reflexivo.
- Recursos materiais:
- Material didáctico.
- Locais: aulas e Taller de Habilidades da vida diaria.
- Materiais de oficina.
- Materiais específicos para cada unha das actividades: revistas, cartolinas, itinerarios transporte,…
- Material inventariable: fotocopiadora, televisor, vídeo, DVD, pizarra dixital...
- Material funxible: bolígrafos, cartolinas, folios, lapis, pegamento, ...
CLIMA NO QUE SE DESENVOLVERÁ O PROGRAMA.
A filosofía xeral do programa é a da implicación dos alumnos de forma activa. As sesións deben intentar establecer unha dinámica de traballo na que primen o interese activo dos alumnos e a participación real destes en cada unha das actividades que se realicen. Nas súas dúas vertentes:
A) De traballo colectivo.
B) De traballo individual.
O clima do debate debe favorecer a participación de todos os membros do grupo. Por iso, cada unha das sesións comeza co establecemento dun pequeno debate.
Nesta actividade, propóñense unha serie de preguntas que permitirán abrir o debate. O titor-a deberá elixir aquelas preguntas que considere oportunas, segundo a composición e características de cada grupo.
Tamén co traballo en grupo, o que se pretende é que gran parte da información tratada, sexa xerada polos propios alumnos, de forma que o programa simplemente canalice e sistematice ese cúmulo de información despois de ser contrastada.
En canto ao ambiente ideal para o traballo en grupo, o titor-a debe crear un ambiente de cooperación, intercambiando ideas e favorecendo o traballo de participación baseándose no respecto das opinións de cada membro do grupo.
Todas e cada unha das sesións deberanse desenvolver nun ámbito que favoreza o traballo de reflexión persoal e que promova a liberdade e respecto para que sexa posible que todos participen en todas as actividades. Outro aspecto que é moi importante para o bo desenvolvemento do programa, é que o titor-a trate de crear un ambiente distendido no que os alumnos se sentan con confianza para formular calquera tipo de dúbida e non se senta incómodos ao falar de cuestións tan básicas e próximas ao terreo da súa intimidade. Todo iso permitirá que o grupo se sinta cómodo á hora de falar de cuestións tan persoais, como son os referentes ao seu autocoidado.
Enmarcado no Programa de HABILIDADES DA VIDA DIARIA do CEE O PINO, proponse a continuación, a programación de actividades para este curso 2019 -2020, que se levarán a cabo na aula- taller de “HHVV” que se habilitou para este fin no baixo do edificio.
A temporalización será de dúas sesións semanais por grupo aula; podéndose aumentar ou modificar en función das necesidades que se poidan presentar. Deixar constancia de que esta temática será abordada, diariamente, de maneira multidisciplinar.
Ante calquera visita ou situación na que proceda (festas, conmemoracións, etc.) elaboraremos uns pinchos saudables.